A ALCALDESA ASINOU UN CONVENIO DE COLABORACIÓN CO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN ÁUREGA
Marián Ferreiro e o presidente de Áurega, Marcos Antonio Castro, rubricaron o acordo no Concello, nunha convocatoria á que tamén asistiu a edil de Ensino, Mercedes Taibo
Narón, 3 de novembro de 2020. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o presidente da Asociación Áurega, Marcos Antonio Castro, asinaron esta mañá un convenio de colaboración por importe de 2.000 euros. Na convocatoria, que tivo lugar no Concello, estivo tamén presente a edil de Ensino, Mercedes Taibo.
A través deste acordo continuaranse levando a cabo na cidade diversas actividades e programas en materia de ensino co alumnado, especialmente con altas capacidades.
O presidente de Áurega agradeceu a colaboración do Concello de Narón coa entidade, sen a que, asegurou, “sería imposible que puidésemos continuar” e valorou o importe da achega concedida.
Pola súa banda, a alcaldesa subliñou a importancia de contar na cidade “cunha asociación como Áurega, sen ánimo de lucro e que traballa con nenas e nenos con altas capacidades e as súas familias, organizando obradoiros especiais dirixidos ao colectivo”. Unha das propostas que se levan a cabo en Narón é a Escola de Familias, “cun gran éxito de acollida e donde se convocan charlas, conferencias… encamiñadas a ofrecer respostas a algunhas das dúbidas que poidan xurdir no día a día destas persoas”.