Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN EN TRES ACTIVIDADES DIRIXIDAS A MULLERES DESEMPREGADAS E EMPADROADAS EN NARÓN
A concelleira de Igualdade, Mar Gómez, explicou que se trata de tres propostas que permitirán aumentar os coñecementos e, polo tanto, a empregabilidade do colectivo
Narón, 20 de novembro de 2020. O Concello abriu o prazo de solicitude de actividades educativas de balde dirixidas a mulleres desempregadas empadroadas no Concello e de entre 18 e 65 anos. A proposta enmárcase no II Plan de Igualdade do Concello de Narón. A edil responsable da área de Igualdade, Mar Gómez, avanzou que as actividades ofertadas son “Igualdade por medio da educación”, “Inicio ás técnicas de confección” e “Integración e xestión familiar”. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través da Sede Electrónica do Concello –sedeelectronica.naron.es-, o Rexistro municipal ou calquera outro medio contemplado na normativa ata esgotar as prazas. A actividade “Igualdade por medio da educación” conta cun total de oito prazas, que se dividirán en dúas quendas, con clases os luns, mércores e xoves de 16.30 a 18.00 ou de 18.30 a 20.00 horas. As sesións celebraranse de decembro deste ano a xuño de 2021 na Casa da Mocidade e no transcurso das mesmas abordaranse diferentes contidos, como o apoio educativo de Competencias clave nos niveis 2 e 3; apoio educativo para educación Secundaria, educación en Igualdade e actividades complementarias. “As alumnas disporán dunha serie de recursos formativos que lles permitirán adquirir unha serie de coñecementos e habilidades sociais nas que estará moi presente a perspectiva de xénero”, explicou Gómez. En canto á proposta sobre “Integración e xestión familiar”, dispón dun total de 16 prazas que se distribuirán en catro grupos, con horarios os martes e xoves de 9.30 a 11.00 ou de 11.30 a 13.00 horas ou os luns, mércores e venres nesas dúas franxas horarias. As clases impartiranse tamén entre decembro deste ano e xuño do vindeiro, na Casa da Mocidade e/ou noutra instalación municipal. En canto aos temas a abordar nas mesmas están a educación para a saúde, novas tecnoloxías, lectoescritura, educación multicultural, educación ambiental e educación en igualdade, entre outras. “Un dos obxectivos desta acción é mellorar as posibilidades de inclusión social daquelas mulleres que están en risco de exclusión, dotándoas dunha serie de coñecementos que lles serán de moita utilidade no seu día a día”, apuntou a edil naronesa. A terceira das propostas é “Inicio ás técnicas de confección” e oferta oito prazas en dúas quendas, que se fixaron os martes e xoves de 10.00 a 12.00 ou os luns, mércores e venres de 10.00 a 12.00 horas. O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acollerá esta actividade, que permitirá, segundo explicou Gómez, “mellorar a inclusión social das mulleres mediante a formación, neste caso, nas técnicas de confección”. Os contidos a abordar serán, entre outros, a máquina de coser e o seu uso, coidado e aproveitamento de materiais, confección de patróns, cortado de pezas de roupa, probas de pezas e remates a man. As persoas interesadas en obter máis información poden dirixirse ao Servizo Sociocomunitario Municipal, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 ou 1115).

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal