Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO COLABORA COA ASOCIACIÓN CENTRO DE RECURSOS SOLIDARIOS NUNHA CAMPAÑA PARA ENTREGAR XOGUETES ÁS FAMILIAS VULNERABLES
As familias con escasos recursos poderán solicitar os xoguetes dende hoxe ata o vindeiro 18 de decembro para recollelos os días 4 ou 5 de xaneiro
Narón, 24 de novembro de 2020. O Concello de Narón colaborará nunha campaña de solicitude e entrega de xoguetes de Nadal organizada pola asociación Centro de Recursos Solidarios e destinada ás familias con escasos recursos. As concelleiras de Benestar Social, Catalina García, e Ensino, Mercedes Taibo, presentaron hoxe a iniciativa xunto ao edil de Deportes, José Oreona e o representante da citada asociación, José Manuel González, se ben tamén colabora a concellería de Promoción Económica, que dirixe o edil David Pita. As persoas que poidan colaborar nesta campaña mercando xoguetes para doar ou facendo unha aportación económica co mesmo fin poden facelo dende hoxe ata o 18 de decembro nas xogueterías Din y Don (Xuvia); a do Hiper Froiz (Alto do Castiñeiro); O Muíño do Fabal (A Gándara) e Todo Ocio Lego (A Gándara) nos seus horarios habituais de apertura. O representante do Centro de Recursos Solidarios de Narón incidiu en que “non se recollerán xoguetes usados este ano debido á situación sanitaria, xa que non podemos garantir a súa hixienización para a posterior entrega ás familias”. As familias destinatarias desta campaña dispoñen de prazo tamén dende hoxe ata o 18 de decembro (incluído) para presentar no Rexistro Xeral do Concello unha solicitude adxuntando a documentación precisa para a entrega (fotocopia do DNI da persoa solicitante e da que recollerá os xoguetes, no caso de non ser a mesma; do libro de familia do menor e xustificación das prestacións recibidas, se non figura o expediente no Servizo Sociocomuntiario). Na citada solicitude, tal e como indicou González, hai un apartado no que os menores poderán indicar a súa preferencia sobre o xoguete a recibir, que na medida do posible se tentará atender dende o Centro de Recursos Solidarios, que se encargará de recoller e repartir os xoguetes e, a maiores, realizará unha compra nas tendas que colaboran nesta campaña cunha aportación propia e coas achegas recollidas nos propios establecementos, debido a que haberá unha urna para donativos. A entrega, tal e como avanzou a edil de Benestar Social, levarase a cabo os días 4 e 5 de xaneiro entre as 16.30 e as 20.30 horas nas instalacións do Centro de Recursos Solidarios (na Gándara, no número 115 da avenida do Mar -xunto ao Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz) e requerirase previamente o DNI e impreso de derivación do Servizo Sociocomunitario. Dende o Concello remitirase información desta campaña tanto aos colexios e Ampas da cidade como aos clubs deportivos, co fin de animar á xente que poida facelo a colaborar na mesma. Así mesmo, os edís naroneses realizaron un chamamento á cidadanía en xeral para colaborar, na medida do posible, “para que ningunha nena ou neno da nosa cidade quede sen un xoguete o día de Reis”. A concelleira de Ensino apuntou tamén que en breve se presentará unha nova iniciativa de recollida de libros na Biblioteca municipal para proceder a entregalos tamén a rapazas e rapaces de familias con escasos recursos. As persoas que desexen recibir máis información poden contactar coa asociación a través do correo: crsnaron@gmail.com ou chamando aos números de teléfono 634 555 663 ou 881 308 349 ou no Servizo Sociocomunitario Municipal, no 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109). O representante do Centro de Recursos Solidarios agradeceu a colaboración do Concello e, ao igual que os edís do grupo de goberno, a implicación dos establecementos que se sumaron a esta campaña.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal