Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O GOBERNO LOCAL APROBA DE XEITO INICIAL OS ORZAMENTOS DO CONCELLO, DO PADROADO DA CULTURA E A RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DO ANO 2021
O orzamento municipal do vindeiro ano supera os 34 millóns de euros e mantén un marcado carácter social, priorizando en todo momento ás persoas, tal e como destacou a alcaldesa, Marián Ferreiro
Narón, 11 de decembro de 2020. O Concello acolleu hoxe dous plenos extraordinarios. O primeiro deles iniciouse ás 10.00 horas e na orde do día incluíanse dous puntos: a proposta sobre a aprobación do cadro de persoal do Concello e Relación de Postos de Traballo para o ano 2021 e a proposta de aprobación inicial dos orzamentos do Concello e do Padroado da Cultura, dos xerais consolidados, das bases de execución e do límite máximo de gasto non financieiro para o vindeiro ano. TEGA e PSOE aprobaron os orzamentos do Concello e do Padroado da Cultura para o vindeiro ano, que ascenden a 34.070.459 e 2.075.629 euros, respectivamente tras rexeitarse dende o goberno local as enmendas presentadas polo BNG e o PP ao documento. O orzamento contable mantén un ano máis os impostos conxelados ou rebáixaos, nalgún caso e increméntanse as bonificacións de taxas a familias vulnerables, tal e como se anunciara dende o goberno local. O bipartito naronés mantén entre as súas prioridades a atención ás persoas e tamén pechou un documento mantendo a cero a débeda bancaria, o que garante a liña de estabilidade o vindeiro ano. En canto aos investimentos resérvanse 3,2 millóns de euros para proxectos como a recuperación de chan urbano para usos públicos amables co medio ambiente (792.366 euros); a rehabilitación do muíño de Xuvia (555.422 euros); a musealización do muíño de Xuvia (239.041 euros); a renovación de alumeado público (254.468 euros); reparacións asfálticas en varios camiños do termo municipal (230.534 euros); o acondicionamento de instalacións para fomento e apoio de actividades deportivas na Gándara (118.657 euros). Así mesmo, indicou, tamén se recollen partidas orzamentarias para obras de saneamento no camiño da Fonte (77.846 euros), reposición de alumeados (50.000 euros) e outras actuacións. En canto ás enmendas ao orzamento, na presentada polo BNG solicitábase a constitución dun Centro de Información á Muller (CIM). A edil de Benestar Social, Catalina García, indicou ao respecto que o goberno local rexeitaba a enmenda por entender que “dende os Servizos Sociais dase cobertura non só en materia de Igualdade senón en moitas outras, con persoal cualificado que realiza un traballo excepcional para atender ás mulleres, polo que entendemos que esa necesidade que se plantexa xa está atendida”. No mesmo apartado a alcaldesa, Marián Ferreiro, recordou que tamén se está traballando en coordinación cos concellos da Mancomunidade nesta área, para complementar os servizos ofrecidos dende as administracións locais. A enmenda do PP local propoñía cambios na partida de Promoción Económica mediante baixas nas áreas de Turismo, Feiras e Festas por un importe de 125.000 euros. O concelleiro de Facenda, Román Romero, explicou que “reducir esas tres partidas perxudicará a moitos sectores porque aínda que algunhas actividades non se poidan facer hai programas poden incentivar moito a economía do noso concello”. A maiores, recalcou que “é un documento vivo e máis nese ano que poderemos utilizar os remanentes dun xeito diferente” e subliñou que “estamos traballando nunha liña de subvencións para un plan de creación de novas empresas e temos xa avanzadas as bases, polo que o goberno local ten xa un compromiso nesa área para materializar con cargo aos remanentes”. Na mesma liña se pronunciou o portavoz do PSOE, David Pita, que afirmou que “son partidas moi importantes as que pretenden suprimir, para a economía local e sectores como o artesán, hostaleiro, turístico…”. Neste punto a alcaldesa, Marián Ferreiro, recalcou o traballo que se está realizando e o compromiso firme do goberno local para impulsar medidas que minimicen os efectos da Covid-19 na cidade. “Comprometémonos neste pleno a levar eses investimentos con cargo aos remanentes e agradeceríamos que os apoiasen, fagan ese esforzo porque nós sacaremos unha liña de subvencións incluso máis ambiciosa da que plantexan”, asegurou dirixíndose aos edís populares. Así mesmo, Ferreiro tomou a palabra antes de proceder ás votacións deste punto para “facer público o meu agradecemento a todas as persoas que traballaron para que hoxe puidéramos traer este documento ao pleno e ás compañeiras e compañeiros do grupo de goberno, en especial ao edil de Facenda, Román Romero”. Na sesión aprobouse o cadro de persoal e creación de seis postos de traballo: tres auxiliares administrativos, un oficial de policía, un axente de policía local e unha educadora familiar. Ás 12.00 horas iniciouse a segunda sesión plenaria extraordinaria sobre a adopción de medidas para paliar os efectos da Covid-19 en defensa dos autónomos e das Pemes afectados polas restricións, que finalmente non se aprobou. O concelleiro de Facenda lamentou que os populares non abordasen previamente estes puntos e tamén que se trate, na maioría dos mesmos, “de medidas que non podemos tomar porque xa se están levando a cabo”. Ao respecto citou, entre outras, a modificación da ordenanza de terrazas para flexibilizar o uso da vía pública; no pago de facturas apuntou que se están pagando esta semana as presentadas a semana pasada; aludiu tamén o edil ás campañas específicas como a do comercio e ás conversas levadas a cabo co outras administracións para traballar conxuntamente. Tamén o portavoz do PSOE, David Pita, asegurou que en moitas das medidas plantexadas se está traballando e recordou que “Narón puxo sobre a mesa tres millóns de euros e sumouse ao PEL Reactiva da Deputación, con máis de 500.000 euros, para axudar a autónomos e empresas”. A alcaldesa, Marián Ferreiro interviu neste punto para recordar que a maiores da hostalería e o comercio hai moitos outros sectores lamentablemente afectados pola pandemia e valorou a axilidade e rápida resposta do goberno local en impulsar axudas como o programa Narón Impulsa. A rexedora local explicou que como administrativamente era complicado realizar determinados cambios para paliar os graves efectos de peches e restricións aplicados a certos sectores, creouse o programa Narón Impulsa, dotado con tres millóns de euros e do que se beneficiaron máis de 600 empresas e autónomos da cidade “para compensar ese tipo de situacións e aportar certa liquidez”. Así mesmo, recordou que periódicamente se mantiveron e manteñen reunións cos representantes dos diferentes colectivos afectados por esta crise para tratar de coordinar as medidas que máis lles poidan aliviar as consecuencias desta pandemia.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal