Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO MANTÉN A ACTIVIDADE DAS ESCOLAS CULTURAIS VÍA TELEMÁTICA E REPROGRAMA VARIOS ESPECTÁCULOS
O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, indicou que as medidas permanecerán en vigor mentres se manteñan as restricións actuais
Narón, 28 de xaneiro de 2021. A actual situación sanitaria levou ao Padroado de Cultura a reprogramar ou anular directamente algunhas das actividades previstas nas tres vindeiras semanas debido á actual situación sanitaria. No caso da área cultural suspéndese a actividade presencial nas escolas do Padroado, pero continuarán a pleno rendemento ben con clases online a través de diferentes plataformas ou co envío de vídeos das actividades, segundo o caso, tal e como indicou o edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo. As monitoras e monitores das actividades están en contacto co alumnado, ao que se informou destes cambios debido ás novas restricións decretadas pola Xunta de Galicia e que estarán en vigor como mínimo ata o 17 de febreiro. Así mesmo, en canto á programación cultural prevista no Pazo da Cultura, procedeuse a reprogramar espectáculos nos que foi posible cambiar a data, ou anular aqueles nos que non se puido. Neste último caso están a comedia “Señor Ruiseñor”, de Els Joglars, prevista para este sábado, día 30 ás 20.00 horas e tamén o concerto de Carla Green & The Demons, que ía ter lugar o vindeiro 12 de febreiro ás 20.30 horas no Café Teatro do Pazo. A representación teatral da obra “A lingua das bolboretas”, de Sarabela Teatro, que estaba programada para os días 5 e 6 de febreiro – 20.30 e 20.00 horas respectivamente- será o venres 30 de abril ás 20.30 e o sábado 1 de maio ás 20.00. En canto á programación de febreiro, a comedia “Melancoholemia”, de Con de Tres Pés, prevista para o sábado 13 ás 20.00 horas, reprogramouse para o día 17 de abril, tamén ás 20.00. Outro dos espectáculos para os que xa hai nova data é a obra infantil “Don Gaiferos”, de Os monicreques de Kukas, que ía ser o domingo 28 de febreiro e pasa ao 18 de abril ás 18.00 horas. Polo momento, e suxeitos a posibles cambios en función das restricións en vigor en cada momento, mantéñense as representacións teatrais de “Principiantes”, de Todas las mujeres, AIE, o venres 19 de febreiro ás 20.30 horas e o sábado 20 ás 20.00; a de “Quixote”, de Pedras de cartón, o domingo 21 de febreiro ás 18.00 horas e a de “Yo, la peor del mundo”, de Vaivén Producciones, o sábado 27 de febreiro ás 20.00 horas. As persoas que adquirisen entradas para estes espectáculos e que fosen anulados ou non poidan acudir nas novas datas poden solicitar a devolución do importe das mesmas, que se abonará no mesmo método no que se realizou o pago, ata o propio día no que estaba programada inicialmente a función. Para máis información sobre o procedemento pódese chamar ao despacho de billetes do Pazo, ao número de teléfono 981 102 897 ou escribir un correo electrónico á dirección: taquilla.pazo@naron.es.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es