Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA E OS PORTAVOCES DOS GRUPOS MUNICIPAIS AMOSARON O APOIO DO CONCELLO AOS TRABALLADORES E TRABALLADORAS DE GALICIA TEXTIL
Marián Ferreiro ofreceu novamente o apoio do Concello e comprometeuse a contactar co seu homónimo de Neda, Ángel Alvariño, para levar a cabo unha liña de actuación común en defensa do colectivo
Narón, 8 de febreiro de 2021. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e os portavoces dos grupos políticos da corporación local: Román Romero (Terra Galega); David Pita, (PSOE); Germán Castrillón (PP) e Olaia Ledo (BNG) participaron este mediodía, ás 12.00 horas, na concentración convocada polos representantes dos traballadores da empresa Galicia Textil, de Neda, ante a porta principal do Concello naronés. Os políticos locais amosaron unha vez máis o seu apoio aos traballadores e traballadoras da citada compañía, que presentou un Expediente de Regulación de Emprego extintivo para trece persoas dos 36 operarios do plantel. Na concentración os traballadores e traballadoras portaron unha pancarta co lema “Non ao ERE de Galicia Textil” e pronunciaron varias consignas reclamando o mantemento dos postos de traballo. A alcaldesa e os portavoces municipais reuníronse no salón de plenos dende aproximadamente as 12.30 horas cunha representación do plantel, mentres os restantes operarios continuaban concentrados ás portas do Concello. No salón de plenos os representantes dos traballadores e traballadoras expuxeron as súas reivindicacións á alcaldesa e aos portavoces e avanzáronlles tamén as seguintes accións que levarán a cabo en defensa dos seus postos de traballo. Así mesmo, trasladaron o seu malestar polo feito de non ter resposta sobre a petición dunha solicitude de reunión con responsables da Xunta de Galicia tras solicitalo formalmente o pasado 29 de xaneiro. A alcaldesa comprometeuse a contactar hoxe mesmo co seu homónimo de Neda, Ángel Alvariño, para trazar unha liña de actuación común en defensa do colectivo, levando a cabo as accións oportunas dende ambas administracións locais para apoiar conxuntamente ao plantel da empresa. No pleno mensual celebrado o pasado 28 de xaneiro a corporación local manifestou tamén o seu respaldo aos traballadores e traballadoras da empresa Galicia Textil nas súas reivindicacións, entre as que están reclamar á Xunta e ao Goberno central que interveñan na solución do conflito para garantir a continuidade dos postos de traballo. Con este motivo levouse ao pleno unha declaración institucional, tal e como se comprometeran a rexedora local e os portavoces dos grupos municipais nunha xuntanza previa mantida no Concello cos representantes dos traballadores e traballadoras.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal