Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADA POR UNANIMIDADE NO PLENO A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA PARA SUSPENDER O PAGO DA TARIFA DAS TERRAZAS DE HOSTALERÍA ATA O ANO 2022
O Concello realizou no último ano outras modificacións na ordenanza para aliviar as fortes restricións que afronta o sector dende o inicio da pandemia
Narón, 25 de febreiro de 2021. A corporación local aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal número 27, a través da que se regula a taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial dos bens de dominio público local. En virtude das modificacións realizadas contémplase o feito de que ante causas de forza maior decretadas polo Estado ou a Comunidade Autónoma que impidan o desenvolvemento da actividade económica non se cobrará a taxa establecida nas tarifas afectadas previstas na citada ordenanza fiscal. O concelleiro de Facenda, Román Romero, recordou que, tal e como se anunciara o pasado ano dende o goberno local, este ano non se cobrará a tarifa de ocupación de vía pública pola instalación de mesas, cadeiras... debido á crise económica derivada da pandemia pola Covid-19. Romero incidiu en que esta iniciativa aposta por paliar “a repercusión económica que ten a pandemia no sector da hostalería” e recordou outras medidas que se puxeron en marcha dende o Concello dirixidas ao colectivo. De feito, indicou, esta medida súmase á aprobada o pasado mes de xaneiro, tamén na sesión plenaria, e que saíu adiante por unanimidade, para a modificación da ordenanza municipal reguladora das terrazas dos locais de hostalería. Nese documento incluíronse unha serie de melloras de apoio ao sector hostaleiro para ofrecer dende o Concello novas opcións para poder instalar as terrazas dos locais. No que respecta ao pasado ano, non se cobrou a taxa durante o periodo que permaneceron pechados os establecementos de hostalería debido ás restricións sanitarias e modificouse o calendario do contribuínte de 2020 para non cobrar os meses de inactividade durante o pasado exercicio. O expediente de modificación desta ordenanza permanecerá exposto a información pública e audiencia aos interesados tras publicalo no Boletín Oficial da Provincia (BOP) durante un prazo de 30 días para que se poidan presentar reclamacións e suxestións no caso de estimalo oportuno e que resolverá a corporación. Se non se presentasen reclamacións o documento quedará aprobado definitivamente e o texto íntegro publicarase no BOP, comezando a aplicarse con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro deste ano. Os edís de TEGA e PSOE aprobaron acordos relativos á empresa mixta de medio ambiente Cosma SA., entre eles a adquisición dunha parcela en Pedroso para construír unha EDAR e iniciar así as actuacións que permitirán proceder a instalar –nunha primeira fase- a rede de saneamento na parroquia de Doso. Os concelleiros do BNG tamén votaron a favor deste punto da orde do día, absténdose os do PP. Na sesión aprobouse a adhesión do Concello á estratexia transnacional de loita contra a cortadela selloana (proxecto Life Stop Cortaderia), comprometéndose a traballar na medida das súas competencias na detención da expansión destas especies (plumacho, herba da pampa…), a reducir a súa presencia, facer un seguimento trala súa erradicaión, levar a cabo campañas de sensibilización e outras medidas. O edil de Medio Ambiente, Santiago Galego, será o presentante desta entidade na materia. A proposta de nomeamento da Muller do Ano 2021 do Concello de Narón saíu tamén adiante na sesión plenaria por unanimidade. A persoa que recibirá esta distinción, cuxo nome se fará pública coincidindo cos actos do 8 de Marzo, recibirá unha homenaxe institucional no Consistorio. No apartado de mocións, o BNG presentou unha instando ao Goberno central a aprobar definitivamente a Lei de transferencia da AP-9 a Galicia e facer efectiva de inmediato a rebaixa de peaxes da AP-9 que se aprobou por unanimidade. Terra Galega e PSOE demandaron a través dunha moción un incremento das achegas da Xunta de Galicia ao Servizo de Axuda no Fogar que presta o Concello e a eliminación do copago dos usuarios para que o asuma a administración autonómica, tal e como explicou a concelleira de Benestar Social, Catalina García. Tamén se solicitará que incremente o financiamento deste servizo que xestionan os concellos e cuxo prezo hora a Xunta mantén conxelado dende 2008, tal e como lle recordou onte a alcaldesa ao director de maiores e persoas con discapacidade da Consellería de Política Social, Fernando González, co que mantivo unha reunión telemática na que tamén estivo presente a concelleira de Benestar Social. Os grupos da corporación local levaron ao pleno unha declaración institucional con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, instando ás administracións supramunicipais a impulsar as medidas necesarias para fomentar a igualdade laboral entre homes e mulleres e outras no ámbito da igualdade.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal