Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN EN VARIOS OBRADOIROS E CURSOS IMPULSADOS A TRAVÉS DA ESCOLA DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ
A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, anunciou que se trata de propostas de balde e dirixidas á cidadanía en xeral
Narón, 23 de marzo de 2021. A Escola de Participación Cidadá do Concello de Narón continúa a súa actividade de apoio ao tecido asociativo local e o fomento da participación social, buscando dar resposta ás principais demandas e necesidades detectadas coas entidades do municipio. A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, explicou que con esta finalidade promóvese un programa de seminarios, obradoiros e cursos online abertos a toda a cidadanía, cuxa primeira edición se desenvolverá entre abril e maio deste ano e para os que se abrirá mañá o prazo de inscrición. A edil naronesa avanzou que as actividades son de balde e as prazas limitadas. As persoas interesadas poden inscribirse na Sede Electrónica do Concello de Narón, en sedeelectronica.naron.es dende mañá ata dous días antes do inicio de cada unha das actividades. García indicou que a formación se realizará de xeito virtual a través da plataforma Zoom e que se desenvolverán en horario de 17.00 a 19.00 horas e impartiráas persoal técnico da Escola de Participación Cidadá de Narón. O programa arrancará o vindeiro 12 de abril co seminario “Como facer trámites en liña coa administración?”, no que facilitar ás persoas que forman parte de entidades a relación coa súa administración por medios electrónicos, contribuíndo a minimizar a fenda dixital e fomentando a axilidade na realización de trámites nun contexto no que o virtual está cada vez máis presente. “Como mellorar a comunicación interna e externa na nosa entidade?” é un obradoiro de dúas sesións, que se celebrarán os días 14 e 21 de abril. O seu obxectivo é sensibilizar sobre a importancia da comunicación como un elemento central no funcionamento das entidades, tanto a nivel interno como externo e institucional, e coñecer as principais ferramentas e recursos para a comunicación en asociacións. O programa continuará o 19 de abril co seminario “Como organizar e desenvolver reunións virtuais efectivas e satisfactorias?”, que se volve ofrecer dada a forte demanda que tivo a súa primeira edición o ano pasado. Nel, os e as participantes poderán coñecer diferentes aplicacións para conversas en liña, sensibilizarse sobre a importancia de empregar metodoloxías adaptadas aos contextos virtuais, e abordar as principais dificultades que presenta este modelo. O programa inclúe tamén un curso máis amplo, de oito horas de duración, baixo o título de “Como deseñar un proxecto participativo de dinamización do territorio?”. As sesións repartiranse entre o 27 de abril, e os 4, 11 e 18 de maio. A súa finalidade é apoiar a entidades na posta en marcha de proxectos de dinamización do territorio, capacitando as socias e socios para a súa elaboración, e fomentando a implicación das asociacións no desenvolvemento de procesos de transformación social. Servirá ademais para mellorar o coñecemento mutuo entre as entidades do tecido asociativo. As formacións de primavera pecharanse co obradoiro de catro horas “Con que recursos contamos no tecido asociativo de Narón? Mapeo de recursos públicos e privados”, os días 5 e 12 de maio. Ao longo deste obradoiro aberto á participación do tecido asociativo e da cidadanía en xeral, introducirase o mapeo de recursos como unha metodoloxía para a activación comunitaria e a mellora da participación social, achegando técnicas para o seu desenvolvemento e identificando de forma grupal aqueles recursos de interese. A información desta actividade pode consultarse na páxina web: www.naron.es e para solventar calquera dúbida, pódese chamar ao teléfono da Escola de Participación Cidadá, o 603.86.54.13, ou escribir un correo a escolaparticipacion@naron.es.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal