Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ORGANIZA VARIOS ACTOS PARA CONMEMORAR NA CIDADE O DÍA DAS LETRAS GALEGAS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou esta mañá os actos acompañada das edís de Bibliotecas, Mercedes Taibo, e Turismo, Natalia Hermida
Narón, 11 de maio de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presentou esta mañá os actos organizados polo Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas acompañada polas edís de Turismo, Natalia Hermida, e Bibliotecas, Mercedes Taibo. Os actos centrais terán lugar o vindeiro luns, día 17, na Praza da Lectura (Vivendas da Mariña), donde se desenvolverá o programa “N de Narón. A festa das letras”. Esta data adícase este ano á poetisa lucense Xela Arias. “Queremos festexar este ano o Día das Letras Galegas, recoñecendo a figura de Xela Arias e tamén reservando un espazo a outros autores e autoras homenaxeados nesta data, para o que programamos actividades dirixidas a públicos de tódalas idades”, apuntou Ferreiro. A convocatoria está pensada para toda a familia e desenvolverase en horario de mañá e tarde. A primeira cita, ás 12.00 horas, será co teatro e correrá a cargo de Soraya Lema, que representará a obra “Aldara na montaña”. O espectáculo conta a historia dunha nena, chamada Aldara, que inicia a súa primeira viaxe lonxe da súa casa ao fuxir ás montañas tras unha discusión co seu avó. Na súa viaxe compartirá vivencias con distintos animais e personaxes, representando o conxunto unha historia de superación e busca da identidade propia que porá en valor o noso patrimonio natural e cultural. A continuación, a partir das 13.00 horas comezará o espectáculo musical “O soño dos golfiños”, a cargo de Golfiños e que chegará ao público con ritmos e melodías moi diversas de diferentes estilos. Elena Paz porá voz a numerosas aventuras. Pola tarde retomarase a programación de “N de Narón. A festa das letras” ás 17.00 horas, coa Compañía Eléctrica, que representará “Carabranca”, unha proposta de narración oral pola igualdade protagonizado pola actriz e psicopedagoga Iria Pinheiro e baseada nun conto de Iván Sende sobre unha nena pirata que logra todo o que se propón desafiando perigos varios e que transmite unha mensaxe de superación e fomento da igualdade. Así mesmo, ás 17.50 será o turno de Pérez&Fernández, con “Picnic”, un espectáculo en galego e inglés que representa unha excursión en familia de dous irmáns que procuran un lugar especial no que compartir unha comida campestre con xente que queira gozar dunha merenda de contos, anécdotas, música, baile, monicreques… A última das propostas do vindeiro luns será “A música das buguinas”, de Mamá Cabra&Bellón Maceiras e que comezará ás 18.45 horas. Neste caso trátase dun concerto didáctico dramatizado que conta a historia de Roque, un neno que vive en Moeche, e a través do que o público irá descubrindo a música tradicional, as vestimentas… O público participará activamente nesta historia, cunha formación de gaita, acordeón, guitarra, distintas percusións e instrumentos de vento. Na carpa que se ubicará na Praza da Lectura haberá tamén un espazo para a Biblioteca municipal, no que se poderá ver unha exposición bibliográfica dos autores e autoras homenaxeados no Día das Letras Galegas nos últimos dez anos e tamén varias novidades publicadas en galego. Alí repartiranse marcapáxinas conmemorativos do 17 de maio, coa imaxe de Xela Arias, que tamén recibirán o venres e o sábado as usuarias e usuarios da Biblioteca municipal do Alto, da Gándara e da ludoteca da Solaina. A citada mostra poderase ver tamén dende mañá ata o sábado nas instalacións da Biblioteca municipal. Tamén na Praza da Lectura o vindeiro luns estarán as librerías Pasapáxinas e Day con varias novidades en galego e esta última organizou unha firma de libros, na carpa na que se instalará, e na que participarán catro recoñecidos autores: Paula Merlán -12.00 horas-, Ana Meilán e Ana Varela –as dúas ás 17.30- e Antón Cortizas -19.00 horas-. Nas librarías Day, Nova, Nani, Contos, Merche, Albatros, Fina e Galicia entregaranse tamén entre a clientela esta fin de semana bolsas conmemorativas do Día das Letras Galegas. Na páxina web municipal poderase a partir do vindeiro xoves a través da web municipal unha proposta lúdica e cultural en galego a cargo de Barafunda, que inclúe o contacontos “Xan das ondas”, a canción “Imos de festa” e un obradoiro de elaboración de marcapáxinas e a confección dun libro sobre Xela Arias. Ferreiro animou ás veciñas e veciños de Narón, xunto coas edís de Bibliotecas e Turismo, a participar nos actos programados este ano “para festexar unha data moi importante para todas e todos nós polo que supón en canto ao recoñecemento á nosa lingua e á nosa cultura en xeral”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal