Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADOS NO PLENO INVESTIMENTOS POR UN IMPORTE DE 7,4 MILLÓNS DE EUROS PARA A A ZONA URBANA E RURAL DO MUNICIPIO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, subliñou que é a primeira vez na historia da cidade que se aproba este investimento nun expediente único e destacou que permitirá ao goberno local continuar definindo o modelo de cidade e reactivar a economía
Narón, 27 de maio de 2021. O Concello aprobou hoxe no pleno de finais de mes o expediente de modificación de crédito que permitirá realizar na cidade investimentos por un importe conxunto de 7,4 millóns de euros. A través desta contía procedente dos remanentes de Tesourería, tal e como recordou o a alcaldesa, Marián Ferreiro, continuarase avanzando na accesibilidade da cidade e tamén na implantación da tecnoloxía led, na mellora de viais e ofreceranse novos servizos á veciñanza. A sesión plenaria celebrouse esta tarde, a partir das 19.00 horas, de xeito presencial no Concello. A rexedora local incidiu en que “é a primeira vez na historia deste Concello que aprobamos este investimento de 7,4 millóns de euros nun expediente único”, subliñando que “mantemos a liña de mellorar e ampliar servizos á cidadanía para seguir deseñando o modelo de cidade que queremos para Narón e, ao mesmo tempo, contribuímos á reactivación da economía”. A alcaldesa destacou que tamén se reserva unha importante partida “para continuar prestando atención ás familias máis vulnerables da nosa cidade” e finalmente agradeceu “a sensibilidade do BNG por construír e aportar respaldando a aprobación deste documento”. Unha das actuacións de maior investimento será a humanización do barrio da Solaina, para a que se reserva unha partida de 718.976 euros. A maiores, tamén se destinarán 501.566 euros á segunda fase da senda que se habilitará entre a avenida Miguel de Cervantes e a rúa Conde de Fenosa, construirase unha piscina no Couto orzamentada en 532.763 euros, e levaranse a cabo dous novos proxectos como a cuberta do parque infantil 23 de Novembro e a renovación do espazo -243.934- e a habilitación dunha zona de xogos de auga en Xuvia -215.901-. A adquisición do muíño das Aceas -220.000-, a habilitación de estacionamentos de proximidade na Gándara e Piñeiros -215.973- e, na área de Deportes, o reacondicionamento do campo de tiro con arco -239.000-, a renovación do céspede artificial do campo de fútbol do Cadaval -189.711- e a habilitación dunha pista de lanzamentos no estadio de Río Seco -76.498-, enmárcanse tamén nesta partida. As infraestruturas viarias serán tamén obxecto de importantes melloras, con unha partida de 900.678 euros para reparar pavimentos e reforzar a rodadura en camiños da zona rural; outra de 597.427 euros para mantemento de servizos de seguridade viaria na zona urbana, en varios viais, a urbanización do camiño Peregrino -207.059 euros- e a construción de dúas rúas de nova apertura, unha entre a Celso Emilio Ferreiro e a avenida Cataluña -104.883- e outra perpendicular á rúa San Carlos -75.368-. O edil de Facenda, Román Romero destacou tamén a importancia de aprobar este expediente e indicou ademais neste punto que a incorporación dos remanentes responde á boa xestión realizada dende o grupo de goberno, cun Concello saneado, sen débeda bancaria e cos impostos municipais conxelados dende hai varios anos. Así mesmo, tamén se aprobou no pleno a adxudicación á empresa Urbaser do novo contrato de recollida de Residuos Sólidos Urbáns e limpeza viaria, por un importe de 30.685.500 euros para os vindeiros dez anos, ata 2031. O novo contrato suporá importantes melloras no termo municipal, como a limpeza viaria nos tres polígonos industriais, a implantación da recollida con un sistema de carga lateral e a renovación da contenerización. O incremento das frecuencias de recollida, da maquinaria para incrementar os desbroces na zona rural, a supresión dos contenedores soterrados localizados xunto á Biblioteca municipal, e nos barrios da Gándara, A Solaina, Piñeiros e Xuvia, que pasarán a ter un novo uso como puntos limpos de proximidade, e a recollida de orgánicos forman tamén parte desas melloras no novo servizo. Na sesión aprobouse o nomeamento de Paula Romero como integrante do Consello Sectorial de Igualdade, en representación da entidade Affinor. Así mesmo, aprobouse o Plan Estratéxico de Subvencións (PES) do Concello para os anos 2021, 2022 e 2023. Este plan é unha ferramenta que ten entre os seus obxectivos mellorar e racionalizar a xestión municipal das subvencións, para o que establece e normaliza un conxunto de principios e bases de execución comúns para o conxunto das diversas liñas e programas de axuda e subvencións do Concello. As liñas estratéxicas de actuación do PES son: Igualdade, maiores e promoción social, Acción social e dependencia, Salubridade pública e actividades medioambientais, Cooperación no ensino, Mocidade e lecer, Participación Cidadá, Infraestruturas e promoción económica, Fomento da promoción do deporte e Cultura e o importe ascende en conxunto a 3,2 millóns de euros durante este ano e os dous vindeiros.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal