ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NOS CURSOS SOBRE MONTAXE DE ANDAMIOS MULTIDIRECCIONAIS
A edil de Formación, Natalia Hermida, destacou o elevado grao de inserción laboral que presenta esta acción formativa para a que remata o prazo de inscrición o 7 de xuño
Narón, 4 de xuño de 2021. As persoas interesadas en realizar o curso de Montaxe de andamos multidireccionais dispoñen de prazo ata o vindeiro luns, día 7, para anotarse nalgunha das dúas edicións convocadas. Esta acción forma parte do Programa Municipal de Formación e diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón. As solicitudes poden presentarse no Rexistro municipal –de 8.30 a 13.00 horas, na Sede Electrónica do Concello ou a través dalgún dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Cada unha das edicións terá unha duración total de 140 horas e 12 prazas. As clases impartiranse nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de luns a venres entre as 9.00 e as 15.00 horas. Un dos cursos terá lugar do 14 de xuño ao 19 de xullo e o outro do 20 de xullo ao 20 de agosto, tal e como recordou a concelleira de Formación, Natalia Hermida. A edil destacou ademais que se trata dunha acción formativa cun elevado grao de inserción laboral e que se realiza nun período de tempo curto.
O curso ofrece formación en prevención do oficio de montaxe de estruturas tubulares para os sectores da construción e do metal.
O alumnado seleccionarase por rigorosa orde de inscrición no Rexistro ata esgotarse as prazas de cada edición e no caso de esgotarse as prazas na edición de preferencia indicada na solicitude pasarase a participar na outra edición. O listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello e o alumnado seleccionado será informado telefonicamente da súa admisión para confirmar a praza.
As persoas que desexen recibir máis información poden facelo a través da Sede Electrónica ou do Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).