Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA ASINOU OS CONVENIOS DE COLABORACIÓN CON CÁRITAS DIOCESANA MONDOÑEDO-FERROL E A ASOCIACIÓN SÍNDROME DE DOWN "TEIMA"
Marián Ferreiro destacou o labor que ambas entidades realizan de cara a que os colectivos cos que traballan acaden a tan necesaria integración plena na sociedade
Narón, 12 de xullo de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, asinou dixitalmente dous convenios de colaboración cos representantes de Cáritas Diocesana Mondoñedo Ferrol, María Victoria González, e da Asociación Síndrome de Down “Teima”, Patricia Serantes. Estes dous acordos vencellados á área de Acción Social supoñen unha achega, en conxunto, por parte da administración local de 30.000 euros. A rexedora local recordou que dende o Concello se traballa dende hai varios anos respaldando diferentes programas de atención a persoas afectadas de escasos recursos económicos e/ou en risco de exclusión social. Unha das entidades sociais coas que se desenvolven programas nesta liña é Cáritas, que traballa con persoas vulnerables e seguirá desenvolvendo o labor que realiza a través dos grupos de acollida nos que realiza a atención básica nas parroquias de San Xosé Obreiro, Santa Icía, Piñeiros, Santiago Apóstol, Santa Rita, O Val, Castro e con Cáritas Interparroquial de San Sadurniño, dende donde se atende ás parroquias de Doso, Pedroso e Sedes. Entre as actividades que se desenvolven, tal e como se especifica no convenio, están o acompañamento para o desenvolvemento de familias en risco de exclusión (acollida, información e orientación, intermediación con outros recursos, coordinación técnica co Servizo Sociocomunitario do Concello… e tamén a atención básica a persoas con escasos recursos económicos, a través de axudas directas e en especie para que poidan cubrir as súas necesidades básicas. En canto ao acordo rubricado coa Asociación Sindrome de Down “Teima”, Ferreiro recordou que tamén o Concello contribúe dende hai varios anos cos programas de atención a persoas con diversidade funcional co fin de promover o desenvolvemento social do colectivo de persoas con síndrome de down no municipio. Dende “Teima” ofrécese un servizo organizado en diferentes áreas como a atención temperá, educación, formación e emprego, vida adulta e independencia e apoio familiar, co obxectivo de mellorar a autonomía das persoas con discapacidade intelectual. “É moi importante que entidades como Cáritas ou "Teima" continúen contando co respaldo das administracións para seguir ofrecendo á sociedade servizos tan importantes e necesarios como os que veñen ofrecendo nos últimos anos”, asegurou a alcaldesa. Ferreiro subliñou que “ambas entidades realizan un traballo extraordinario co que chegan a persoas en situación de vulnerabilidade no caso de Cáritas ou con síndrome de down, no de "Teima", que axuda a que ambos colectivos teñan a tan necesaria integración plena na sociedade”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal