Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
BALDO MARTÍNEZ ESTREA MAÑÁ O SEU NOVO ESPECTÁCULO NO JAZZ DE RÍA ACOMPAÑADO DE MÚSICOS GALEGOS
O Parque de Freixeiro acollerá mañá pola noite dous novos espectáculos do programa do festival Jazz de Ría
Narón a 13 de agosto de 2021.- Mañá será unha xornada intensa na beira norte da ría de Ferrol. O jazz non deixará de sonar nos concellos de Neda e Narón, que este ano son os anfitrións deste festival que é xa un clásico do mes de agosto despois de cinco edicións facendo da comarca un referente da escena jazz, e ofrecendo ocasións únicas para disfrutar das mellores propostas da escena actual. Bailar na Ribeira de San Nicolás O día comezará a ritmo de ‘gypsy swing’ na sesión vermú programada na Ribeira de San Nicolás de Neda, onde a banda ALÓ DJANGO ofrecerá a sesión máis bailable de todo o festival, e farao precisamente no lugar onde outrora existiu –acasos da vida- un salón de baile que entre finais do XIX e comezos do XX reuniu ás mozas e mozos da comarca, e foi testigo de infinitas historias que a organización do festival está tentando rescatar coa colaboración da veciñanza. Mañá, as contaxiosas melodías do jazz cigano de Aló Django serán unha fermosa homenaxe ao pasado dese lugar. Programa dobre en Narón pola noite No Parque de Freixeiro de Narón actuará esta noite a Orquestra Galega de Liberación -21.30 horas- e mañá a esa mesma hora Lucía Rey Trío, un dos proxectos máis interesantes do jazz estatal neste momento. Lucía Rey é de condición exploradora sen prexuízos, por iso, pese á súa formación como pianista e compositora clásica no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, acabou achegándose ao jazz, que lle permitía experimentar e crear dun xeito máis libre. Pasou por Cuba e por Nova Iorque, onde compartiu escenario con numerosos artistas da escena neoiorquina. Ten traballado en proxectos moi diversos, abrazando o flamenco, os musicais, a danza... Pero sobre todo, vibra co seu proxecto Lucía Rey Trío, unha proposta única e transparente que está golpeando con forza o panorama jazzístico estatal. A Narón chegará acompañada de Fernando Lamas na batería e Ander García no contrabaixo, para ofrecernos un repertorio de temas do seu álbum "Reflexión" (2017), inspirados en experiencias vitais da banda, en lugares aos que teñen viaxado e que recollen todas as súas influencias musicais. Pero tamén incluirán algunhas cancións inéditas que formarán parte do seu próximo álbum. E a continuación, o peche do festival, mañá a partir das 23.00 horas, vai correr por conta dun dos ferroláns máis recoñecidos na escena jazz; Baldo Martínez, que presentará no Parque de Freixeiro de Narón en rigorosa estrea un espectáculo armado coa complicidade dos impresionantes músicos galegos do Cuarteto da Terra: Pablo Castanho ao saxo alto e soprano, Antonio Bravo na guitarra, LAR Legido na batería e o propio Baldo no contrabaixo. Despois de 40 anos de traxectoria profesional, de ter fundado "Clunia" e outros proxectos imprescindíbeis para entender o jazz no noso país, e de atesourar ducias de premios e recoñecementos acadados en todo o mundo polas súas numerosas formacións e colaboracións, Baldo Martínez, é hoxe un dos músicos máis representativos do jazz contemporáneo estatal, e chega ao Jazz de Ría con unha proposta difícil de contar que el describe como unha ‘experiencia única’. As entradas para acudir ao festival son gratuítas ata completar aforo. A organización recomenda chegar con antelación, seguir as indicacións do persoal, non quitar a máscara en ningún momento, reducir todo o posible o contacto coas demais persoas asistentes, e non acudir en caso de ter estado en contacto con algún positivo.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal