Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
APROBADA NO PLENO A SOLICITUDE DUNHA SUBVENCIÓN PARA MATERIALIZAR UN PLAN DE ACCIÓN LOCAL DA AXENDA URBANA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, indicou que se trata dunha iniciativa orzamentada nuns 200.000 euros
Narón, 30 de setembro de 2021. Os edís de TEGA, PSOE e PP aprobaron no pleno desta mañá a solicitude dunha subvención para a elaboración dun Plan de Acción Local da Axenda Urbana Española para materializar un proxecto orzamentado nuns 200.000 euros. Con cargo a esta iniciativa deseñaríase un Plan estratéxico vencellado á citada Axenda, ao amparo do Plan de Recursos, Transformación e Resiliencia. A través do mesmo estableceríanse estratexias que posteriormente permitirían levar a cabo determinadas operacións. Respecto desta proposta, cabe tamén destacar que se prevé que nun futuro a recepción de axudas europeas se vincule ao feito de ter aprobado un Plan de Acción Local. Na convocatoria aprobouse coa abstención do PP unha moción presentada polo BNG sobre as deficiencias existentes nas instalacións do novo centro de saúde da cidade. Así mesmo, solicítase á Xunta que incremente o persoal cubrindo as prazas xa asignadas e un incremento do persoal administrativo para prestar unha atención axeitada á cidadanía. No pleno constatouse tamén o compromiso do goberno local a construír o novo aparcamento á maior brevidade, tal e como se recolle na moción. Na sesión deuse conta das liñas fundamentais dos orzamentos do vindeiro ano, información que se remite ao Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas e aprobáronse por unanimidade os festivos locais para o vindeiro ano, que serán o 1 de marzo, Martes de Entroido, e o 23 de novembro, Día de Narón. A maiores, saíu adiante a aprobación dunha partida global de 24.204 euros destinada a subvencionar actividades, servizos e programas impulsados pola Anpa do colexio Jorge Juan, a Asociación de Trasplantados Medulares Asotrame, a APA “Galatea”, do colexio Virxe do Mar, a Asociación Exalcohólicos Ferrolterra, a Asociación Gallega de Lupus, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer, a Cociña Económica, a Asociación de Veciños “Os Irmandiños”, do Val, a Asociación de Empresarios Ferrolterra, a Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal e Alcer. Outro dos puntos abordados na sesión plenaria, e que tamén se aprobou, foi a cesión do contrato de servizos da revisión e redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello, adxudicado á empresa Dolmen SLP de Arquitectura y Urbanismo e que pasará a mans da firma Arqyur SL. O prazo estimado para o remate do contrato é de dous anos, en base ás tarefas xa entregadas. No apartado de mocións o PP presentou unha para instar ao goberno a facilitar a cobertura de persoal médico na atención primaria e outra relativa ao apoio aos/ás traballadores/as da empresa Electrorayma. No caso da primeira, non saíu adiante a proposta –para a que se rexeitou unha enmenda do BNG- apuntando o edil de TEGA Manuel Ramos que a contratación de persoal “ten que vir acompañada dun contrato estable, non dun sábado e dun domingo, porque con estas condicións de traballo a xente acaba indo para outras comunidades e países porque o que pode escapa e a culpa é da xestión do Sergas”. Tamén se pronunciou o portavoz do PSOE, David Pita, que acusou ao PP de crear unha “cortina de fume para desviar a atención sobre a incompetencia e ineficacia da Consellería de Sanidade e da Xunta”. A moción en defensa dos traballadores e traballadoras da empresa ElectroRayma aprobouse por unanimidade da corporación local, instando a Navantia a que conte coa empresa para o desenvolvemento de novos proxectos co obxectivo de que máis de 300 familias poidan perder o seu emprego. David Pita apelou ao diálogo entre as partes e preguntou aos populares donde está o conselleiro de Industria, acusando ao PP de “obstaculizar os contratos de Navantia”. Pola súa banda, Guillermo Sánchez Fojo, de Terra Galega, incidiu en que “neste Concello, dende que estamos en democracia, sempre miramos polas empresas, chámense como se chamen e a Xunta que se molle nesta área que é o que ten que facer”. O BNG tamén presentou unha moción ao pleno sobre os futuros usos do antigo centro de saúde que non se aprobou na sesión. Os grupos municipais de Terra Galega e PSOE presentaron unha moción instando á Xunta á paralización cautelar da actividade da canteira “Das Viñas”, nas Somozas mentres non se revise o cumprimento dos condicionantes medioambientais, tralo episodio de contaminación rexistrado o pasado 14 de setembro. A alcaldesa, Marián Ferreiro, ante a abstención do PP, incidiu atendendo á preocupación que o partido amosou polo medio ambiente, en que “con esta moción estamos pedindo que se investiguen as causas e poñendo en coñecemento uns feitos que se denunciaron publicamente, precisamente porque a nós preocúpanos o coidado e o respecto ao medio ambiente”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal