Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ALUMNADO DE TERCEIRO DA ESO DO IES TERRA DE TRASANCOS RESULTOU GAÑADOR DO "II CONCURSO DE IMAXES POLA IGUALDADE PARA ESCOLARES"
O certame convocouse tras desenvolverse uns obradoiros nas aulas, no marco da programación do Día Internacional contra a violencia de xénero
Narón, 18 de novembro de 2021. O xurado da segunda edición do “Concurso de imaxes pola igualdade para escolares: Violencia machista e as redes sociais”, fixo público o fallo deste certame, resultando gañador o alumnado de 3º A da ESO do IES Terra de Trasancos. As edís de Igualdade e Ensino, Mar Gómez, e Mercedes Taibo; a experta en Igualdade Cristina Bajo; a experta en fotografía e audiovisuais Rocío Brage; Elena López, representante do Consello Sectorial de Igualdade e Cristina González, vicedirectora do IES As Telleiras, integraron o xurado. O traballo gañador, titulado “Imos polo bo camiño”, realizárono Marcos Díaz, Raúl Díaz, Manuela López, Estela Gulias, Yaiza Amenedo e Elías Fontao. Alumnado de tres centros de ensino da cidade, o CPR Jorge Juan e os IES das Telleiras e Terra de Trasancos, presentou traballos para as categorías de terceiro e cuarto da ESO a este concurso organizado polo Concello e enmarcado nos actos conmemorativos do 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero. A creatividade, a orixinalidade, adecuación ao tema, capacidade e claridade para transmitir a mensaxe e o grao de contribución á sensibilización e concienciación na poboación escolar foron os criterios que valorou o xurado á hora de decantarse por un dos traballos presentados. Todos os centros que participaron na convocatoria recibirán un diploma acreditativo e un agasallo o alumnado que se presentou ao certame, mentres que o grupo gañador ilustrará co deseño que realizou un mural localizado nas inmediacións da Praza da Igualdade, na Gándara. Comezarán a pintalo os alumnos e alumnas que o deseñaron coa axuda de profesionais o día 23 de novembro, coincidindo co Día de Narón para telo rematado o 25, Día Internacional contra a violencia de xénero. Entre os obxectivos desta convocatoria está promover entre o alumnado a reflexión sobre a violencia machista, estimular a creatividade das mozas e mozos e, ao mesmo tempo, fomentar que identifiquen a violencia machista nas súas múltiples fórmulas. Previamente ao certame desenvovéronse obradoiros sobre igualdade, violencias machistas… nas aulas nos que estuvo traballando o alumnado, debatindo e reflexionando sobre estes temas. As edís naronesas agradeceron a participación do alumnado e docentes dos centros nesta iniciativa e felicitaron ás persoas gañadoras desta edición polo traballo realizado, valorando o feito de que pasará a formar parte da decoración dun espazo que poderán ver todas as veciñas e veciños da cidade.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal