Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO PARA PARTICIPAR NUN VÍDEO CONMEMORATIVO DO DÍA DE ROSALÍA COA LECTURA DA SÚA OBRA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, presentaron esta mañá os actos
Narón, 8 de febreiro de 2022. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Educación e Bibliotecas, Mercedes Taibo, presentaron esta mañá os actos organizados polo Consistorio con motivo do Día de Rosalía, que dende este ano se conmemorará cada 23 de febreiro –trala aparición de novos documentos que acreditan que a poetisa galega Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837-. A rexedora local anunciou que un ano máis o Concello súmase á proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, programando unha lectura pública da súa obra. “As persoas que desexen participar nesa lectura conxunta poden gravar un vídeo lendo un poema ou algún fragmento de obras de Rosalía de Castro, que posteriormente se editarán para facer unha composición que se emitirá a través das redes sociais do Concello e da Biblioteca municipal”, explicou Ferreiro. Os vídeos poderán enviarse a partir de mañá mércores á dirección de correo electrónico: biblioteca.central@naron.es e ata o sábado 19 de febreiro, incluído, indicando na mensaxe o nome da persoa ou persoas que realizan a lectura. Os vídeos enviados deben estar gravados en horizontal, sen música ou ruído de fondo e non sobrepasar os 40 segundos. O mércores 23 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía, publicarase a composición cos vídeos enviados polas veciñas e veciños que participen nesta iniciativa. “O ano pasado esta iniciativa resultou todo un éxito, polo que animamos ás naronesas e naroneses a sumarse a esta celebración para recoñecer un ano máis a figura de Rosalía de Castro, poetisa universal que nos deixou un extenso e valioso legado coas súas obras”, subliñou Ferreiro. A maiores, tamén se realizará un ano máis unha iniciativa en colaboración con librarías da cidade, que o día 23 de febreiro repartirán caraveis a todas aquelas persoas que adquiran un libro en galego durante esa xornada. Sumáronse a esta proposta as librarías Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Pasapáxina. A alcaldesa e a edil de Bibliotecas agradeceron a implicación destes establecementos para conmemorar na cidade o Día de Rosalía. Na área de Educación, a través do Padroado da Cultura de Narón tamén se programou a representación do espectáculo “Libre coma os paxaros”, da compañía Teatro do Atlántico e coproducido polo Padroado. Taibo explicou que o espectáculo se dirixe a alumnado de terceiro e cuarto da ESO, Bacharelato e Ciclos e que se ofreceu aos centros de ensino da cidade e tamén a outros de concellos da comarca. A representación, que terá lugar o 24 de febreiro –con pases ás 10.00 e ás 12.00 horas- enmárcase no programa de actos conmemorativos do Día de Rosalía. A recoñecida actriz María Barcala interpretará o papel de Rosalía, unha muller amante da literatura, a poesía e a lingua do seu país que denuncia os espolios, traxedias, a fame e a miseria da época. O espectáculo configúrase con textos propios de Rosalía de Castro e informacións de publicacións e documentos sobre a poetisa galega.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal