Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ACOLLEU O ACTO CENTRAL DO 8M PARA NOMEAR A MARIBEL MOURIZ PRIETO "MULLER DO ANO DE NARÓN"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou a traxectoria da homenaxeada no ámbito social e cultural da cidade
Narón, 8 de marzo de 2022. O salón de plenos do Concello acolleu este mediodía, ás 12.00 horas, o acto central organizado polo Concello con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, no transcurso da que se nomeou á naronesa Maribel Mouriz Prieto “Muller do Ano de Narón”. Ao acto acudiron a edil de Igualdade, Mar Gómez, e outros representantes do grupo de goberno, así como familiares e amizades da homenaxeada. Nacida en Ortigueira, Maribel Mouriz chegou a Narón con 14 anos, donde reside dende entón. Presidenta dende o ano 2009 da AVV Virxe de Fátima de Freixeiro, vicepresidenta da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, representante e organizadora da comparsa Os Parrandolos, da citada parroquia, vogal delegada para Ferrolterra da Federación Coral Galega e representante das entidades culturais de Narón na Xunta do Padroado da Cultura constatan a implicación e o forte vínculo da homenaxeada co tecido asociativo e cultural da cidade. Así mesmo, foi unha das impulsoras da revitalización da tradicional festa dos Maios, que se celebra con motivo da chegada da primavera. Maribel desprazouse ao Concello co fin de realizar uns cambios nun convenio de colaboración da AVV. Trala sorpresa polo nomeamento, deu as grazas por esta distinción e asegurou descoñecer o acordo adoptado no pleno para o seu nomeamento como Muller do Ano. “Hai moitas mulleres merecedoras desta distinción, non desconfiei que fose para min”, asegurou unha emocionada Maribel, que estivo arroupada por familiares e amizades. Antes de rematar o acto a edil de Igualdade entregoulle un ramo de flores e a alcaldesa deulle unha réplica da escultura “Anduriña”, realizada polo escultor naronés Manuel Patinha, cunha placa na que figura o seu nomeamento como Muller do Ano de Narón. Ferreiro deulle os parabén pola distinción subliñando que “espero que te faga sentir aínda máis orgullosa, se cabe, desta túa cidade” e reiterou o seu agradecemento “por estar sempre aí e pola túa disposición a colaborar e manter vivo o tecido asociativo de Narón”. Con motivo do 8M pódese ver dende hoxe na Praza da Gándara a mostra “Mulleres de Narón”, que ao longo deste mes se levará a outros barrios e parroquias da cidade. Entre os contidos da mesma, formada por dezaseis paneis expositivos con imaxes e información agrupadas en catro tótems, están os recursos municipais ante situacións de desigualdade ou violencia de xénero; información sobre a Revolta das Pedradas e sobre un estudo de conciliación durante a pandemia; e contidos relacionados coa conmemoración do 8M. Así mesmo, na Praza da Igualdade pódese ver o resultado do traballo de escolares de sexto de Primaria do CPR Santiago Apóstol, que realizaron o mural “Narón x Igual”. Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, esta tarde-noite iluminaranse de cor malva a Casa da Cultura, o Pazo da Cultura, a glorieta de Freixeiro e o edificio do Xulgado de Paz. Esta tarde tamén se sucederán na Ludoteca Municipal da Solaina e na Axencia de Lectura municipal da Gándara os actos conmemorativos do 8M. Na Ludoteca desenvolveranse esta tarde, de 16.15 a 18.00 horas, actividades artísticas. “Creando igualdade” é o título da dirixida a menores de 3 a 12 anos e que consistirá na elaboración de marcapáxinas e dun xogo tradicional do comecocos no que se introducirán preguntas e retos relacionados coa igualdade de xénero (“Comecocos pola igualdade”). Na xornada de mañá e o xoves tamén haberá (nese mesmo horario) a actividade “Destruíndo estereotipos” -contos son soporte audiovisual para reflexionar sobre a igualdade de oportunidades e o respecto ás diferencias: “Rompecontos”; e “Feminismos reunidos” –xogos educativos de mesa para traballar valores como a igualdade, a xustiza e a paz. Na Axencia de Lectura municipal da Gándara mañá e o xoves de 17.30 a 18.30 horas haberá a xogos de mesa sobre a temática da igualdade “Xogamos a partida da Igualdade”, con dúas propostas, “Iguais” –menores a partir de 4 anos- e “O misterio das mulleres invisibles” –menores a partir de 7 anos- e para cuxa asistencia é precisa inscrición previa. Esta mesma tarde, a partir das 16.00 horas poderase reservar praza para asistir ao contacontos “Contos vellos, novos finais”, programado para este sábado, día 12, ás 11.00 horas na Biblioteca municipal. Trátase dunha proposta para público familiar e infantil (a partir de 3 anos) a cargo de Caxoto Contacontos na que se versiona o argumento e os finais de contos clásicos. As reservas poden facerse de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173 no horario de apertura. Na área cultural, este venres poderase ver no Pazo o monólogo, “Música para fiambrería-Un policial verde” -20.30 horas- protagonizado por Lucía Trentini (Uruguay), que interpretará a tres mulleres con tres historias que se entrelazan para contar un crime nacido da desesperación e o desamor. Esta peza enmárcase na sétima edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular e visibiliza a temática da igualdade, ao igual que o farán os programados para os días 19 de marzo, “La ciudad de las damas” -20.00 horas-; o 25, “Guerra de identidade” -20.30- e o 26 deste mes -20.00- “Bravas”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal