Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
UNS 400 ESCOLARES DE CENTROS PÚBLICOS DA CIDADE PRESENTARÁN MAÑÁ NO PAZO OS TRABALLOS DA MODALIDADE DE EXPRESIÓN ORAL DO "XXXI CERTAME INTERCENTROS-CONCELLO DE NARÓN"
A concelleira de Educación, Mercedes Taibo, agradeceu a participación dos centros e a implicación do organizador, o CEIP A Solaina, e do profesorado
Narón, 21 de abril de 2022. Un total de 405 alumnas e alumnos de centros de ensino públicos da cidade desprazaranse mañá ao Pazo da Cultura para presentar os traballos dunha das modalidades –a de Expresión oral- da trixésimo primeira edición do Certame Intercentros-Concello de Narón. A edil de Ensino, Mercedes Taibo, recordou que a través desta convocatoria, “un ano máis, despois de dous de parón debido á pandemia da covid-19, recuperamos esta cita concebida para dinamizar ao alumnado con motivo da celebración do Día das Letras Galegas”. Taibo destacou o papel do centro organizador deste ano, o CEIP da Solaina, que traballou en coordinación do Concello naronés neste evento. Escolares dos colexios da Solaina, Piñeiros, O Feal, Ponte de Xuvia, A Gándara, Virxe do Mar, do IES Terra de Trasancos e do CRA de Narón participaron nas diferentes modalidades deste certame, para alumnado de educación Infantil, Primaria e ESO. Mañá a partir das 10.00 horas terá lugar o acto de presentación de parte dos traballos desta convocatoria: concretamente os das modalidades de canción, representación teatral, conto, recitado dun poema e conto dramatizado, segundo a opción elixida en cada caso. As alumnas e alumnos levan varias semanas traballando nas aulas nestes contidos e unha parte dos traballos realizados, concretamente os murais, contos ilustrados e cómics poden verse no Pazo da Cultura ata o vindeiro 11 de maio. Os premios que se concederán neste certame, valorados en conxunto en 8.000 euros, entregaranse o vindeiro 10 de maio e consistirán en bonos en especie que poderán canxear os gañadores e gañadoras en establecementos da cidade. “Este certame representa unha excelente oportunidade para que as alumnas e alumnos dos centros de ensino de Narón exalten a nosa lingua, dando visibilidade á nosa cultura a través de diferentes medios e contando coa colaboración do persoal docente, ao que tamén queremos agradecer particularmente a súa implicación dende o Concello”, asegurou Taibo.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal