Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
TEGA, PSOE E BNG TRASLADARÁN A FERROL QUE O ESTUDO ESTIMATIVO DE CUSTOS DO SISTEMA DE SANEAMENTO E DEPURACIÓN NON SE APROBOU EN NARÓN NIN EN AUGAS DE GALICIA
A alcaldesa, Marián Ferreiro, reiterou na sesión que "nós queremos seguir defendendo os intereses das veciñas e veciños de Narón e así o continuaremos facendo"
Narón, 28 de abril de 2022. O grupo de goberno, TEGA e PSOE, e os edís do BNG aprobaron no pleno comunicar ao Concello de Ferrol que o de Narón e Augas de Galicia non teñen aprobado o estudo informativo ao que o Consistorio ferrolán deu luz verde no pleno do pasado 24 de febreiro. Dende Ferrol e o organismo autonómico, tal e como indicou o voceiro de TEGA, Román Romero, trasladouse a Narón o acordo adoptado pola cidade naval sobre a estimación de custos no sistema de saneamento e depuración de Ferrol e Narón, que foi obxecto de modificacións tras un proceso de negociación de xestión do sistema impulsado dende Augas de Galicia trala xuntanza mantida pola alcaldesa, Marián Ferreiro, co presidente da Xunta. Dende o citado departamento autonómico comunicáronlle a Ferreiro a decisión de Augas, coincidente coa demanda de hai anos do Consistorio naronés, de proceder a asumir a xestión das instalacións que ten encomendadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a licitación das mesmas e da EDAR de Cabo Prioriño. Con esta finalidade estase elaborando unha auditoría das instalacións, tal e como se explicou á alcaldesa da cidade o pasado mes de xaneiro. A alcaldesa recalcou que “somos tres partes implicadas e temos que poñernos dacordo, non se pode tomar unha decisión unilateral de aprobar unha de dúas propostas que están en fase de estudo”. Ferreiro reiterou na sesión plenaria que “nós queremos seguir defendendo os intereses das veciñas e veciños de Narón e así o continuaremos facendo”. Así mesmo, o bipartito naronés e os nacionalistas deron luz verde ao cambio de titularidade de treitos do antigo trazado da estrada DP-5401, de Narón ao polígono de Río do Pozo por Castro, concretamente o que vai dende a AC-566 á nova DP-5401, na aldea de Borreiros. En virtude a este acordo, o Camiño de Borreiros pasará a incluirse no Inventario de Bens e Vías do Concello de Narón. Na sesión plenaria aprobouse cos votos de TEGA, PSOE e BNG a concesión dunha partida global de 27.061 euros destinada a varias entidades: a Anpa do colexio Jorge Juan, a Asociación de Trasplantados Medulares (Asotrame), a Asociación Galega do Lupus, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAL), Alcer Coruña, a Asociación Síndrome de Down Teima, o Club de Xubilados e Pensionistas Santa Icía, a Asociación de Exalcohólicos Ferrolterra, a Cociña Económica de Ferrol, a AVV Os Irmandiños, do Val, a Asociación de Empresarios Ferrolterra e a Asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal. O goberno local e os nacionalistas respaldaron tamén unha modificación de crédito por importe de 198.837 euros, contía que se destinará á renovación das luminarias do sistema de iluminación escénica do Pazo da Cultura e á Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil. No apartado de mocións, aprobouse cos votos de TEGA e PSOE a presentada polo BNG, e defendida pola voceira do grupo, de apoio ao pobo saharaui, amosando o respaldo do Concello na súa loita contra a ocupación militar e polo exercicio pleno do dereito de autodeterminación e a independencia. Na moción tamén se solicita ao Goberno central que defenda ao pobo saharaui e a celebración dun referendo e que esixa a Marrocos que cese de inmediato a sistemática violación dos dereitos humanos da poboación saharaui que vive nos territorios ilegalmente ocupados do Sahara occidental. A voceira socialista, Catalina García, recordou na súa intervención a colaboración que dende o Concello se mantén dende hai anos coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, que impulsa programas como “Vacacións en Paz”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal