Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A ALCALDESA DESTACOU O COMPROMISO DO GOBERNO LOCAL COA MOBILIDADE ALTERNATIVA REAL NA INAUGURACIÓN DO "3º CONGRESO GALEGO DE SEGURIDADE E EDUCACIÓN VIARIA DE NARÓN"
Marián Ferreiro recordou que este congreso conta coa homologación da Xunta de Galicia como actividade de formación permanente do profesorado
Narón, 19 de maio de 2022. A alcaldesa, Marián Ferreiro, inaugurou esta mañá no Pazo da Cultura o “3º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria de Narón”, organizado polo Concello, en colaboración coa Red de Ciudades que Caminan. A coordinadora técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, foi a persoa encargada de presentar o evento e de dar paso ás diferentes mesas e ponencias que se suceden ao longo da mañá e que continuarán esta tarde e mañá pola mañá. Preto dun centenar de persoas acudiron a esta cita que, como destacou Ferreiro, “por primeiro ano conta coa homologación da Xunta de Galicia como actividade de formación permanente do profesorado, o que constitúe un logro máis e un orgullo para este concello”. A rexedora local incidiu en que “temos un fondo compromiso coa transformación de Narón cara a unha cidade máis humana, sostible e accesible; unha cidade na que as persoas sexan o elemento prioritario da mobilidade e a súa máxima seguridade constitúe o obxectivo central das nosas intervencións”. Unha finalidade que coincide co lema deste congreso: “As persoas primeiro”. Ferreiro recordou os programas que se desenvolven na cidade, como o “Bica e Arrinca”, “Camiños Escolares Seguros”, actuacións en materia de humanización de barrios, a construción da senda peonil e ciclista entre Freixeiro e Xuvia… e subliñou que para perfilar o futuro de Narón “temos claro que queremos unha cidade segura, na que a mobilidade alternativa sexa real e non quede plasmada en proxectos que nunca ven a luz”. Finalmente, a alcaldesa amosou a súa confianza en que o intercambio de coñecementos, experiencias e reflexións que terá lugar hoxe e mañá no Pazo “nos sirvan de mutuo enriquecemento”, para agradecer a implicación de todos os integrantes da organización e administracións colaboradoras, como a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, e empresas, así como a Red de Ciudades que Camiñan, co seu presidente á fronte, Miguel Anxo Fernández Lores. Ferreiro agradeceu tamén a participación dos poñentes, moderadores e público que estes dous días participan no Congreso. A conferencia inaugural correu a cargo de José Francisco Cid, xeógrafo especializado en xestión do territorio e sistemas de transporte. Cid abordou a relevancia de poñer a innovación tecnolóxica ao servizo da seguridade viaria e a importancia de traballar con obxectivos e xerar proxectos que sexan transformadores para poder avanzar. Así mesmo, presentou algúns proxectos de transformación de entornos escolares en cidades de España e en países europeos e recomendou que os concellos dispoñan de plans propios de seguridade viaria. Tralo turno de preguntas e unha pausa dará comezo a primeira mesa, sobre “Un novo modelo de espazo público”, facilitada pola arquitecta Isabela Velázquez e na que interviñeron Miguel Anxo Fernández Lores; Antoni Poveda, presidente da Rede de Cidades pola Bicicleta; Anxo Queiruga, vicepresidente do CERMI; Jaime Armengol, coordinador do proxecto Mobility Citi e Jeanne Picard, delegada en Galicia de Stop Accidentes. A programación retomarase ás 16.00 horas, cunha mesa sobre “Mobilidades alternativas e seguridade viaria” que terá como facilitadora a María José Aparicio, subdirectora Xeral de Formación e Educación Viaria da DXT e moderada polo Secretario Xeral do Concello de Narón, Alfonso de Prado. Neste coloquio participarán José Ignacio Lijarcio, investigador e coordinador do grupo de investigación FACTHUM-lab, do Instituto de Tráfico da Universidade de Valencia e Director de proxectos da Fundación Española para a Seguridade Vial (Fesvial); Concepción Blocona, técnica de rehabilitación da ONCE e Enrique Lorca, presidente da Confederación Nacional de Autoescolas. A última mesa de hoxe dará comezo ás 18.30 horas, sobre “Novas metodoloxías de educación para a boa mobilidade”, facilitada polo consultor experto en mobilidade e infancia, José Francisco Cid, e en cuxo coloquio participarán Raquel Navas, asesora pedagóxica da DXT; Juan Antonio Gutiérrez, delegado de Aesleme en Galicia; José Emilio Pérez, integrante de ConBici e de Teachers for Future Spain e Aurora Romar, profesora do IES As Telleiras. Na xornada de mañá retomarase o programa ás 10.00 horas, cunha mesa sobre “Cooperación internacional” moderada por María Pérez Rico, xestora de proxectos europeos e que terá como relatores a Jesús Moclus, director de área de Preveción e Seguridade Viaria da Fundación Mapfre; Emrah Kocak, profesional nesta área en Turquía e Raquel Barrios, directora de proxectos “Youth for road safety”. A conferencia de peche, ás 12.30 horas impartiráa Marta Román, xeógrafa, membro de GEA 21 e experta en mobilidade e infancia. A clausura do evento, ás 13.30 horas inclúe as conclusións do congreso, a cargo de Ana Montalbán, e a alcaldesa, Marián Ferreiro, será a encargada de pechar esta edición do evento.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal