Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO INICIA ESTE DOMINGO NA PRAZA IRMÁNS FREIRE A SEXTA EDICIÓN DO PROGRAMA ´VERDE QUE TE QUERO VERDE´
Os diversos espectáculos programados nestes encontros culturais terán lugar en espazos verdes da cidade os domingos do vindeiro mes de xullo a partir das 12.30 horas
Narón, 27 de xuño de 2022. A sexta edición do programa municipal “Verde que te quero verde” comezará o vindeiro domingo, día 3 de xullo, na cidade. O Padroado da Cultura de Narón convoca de novo gran variedade de espectáculos, dirixidos a público familiar e infantil, en espazos verdes da cidade. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou esta mañá o programa cos espectáculos para os vindeiros catro domingos. Ferreiro destacou que “unha vez máis levamos á rúa os espectáculos culturais para que poidan desfrutar deles as veciñas e veciños, con propostas moi variadas e que se irán sucedendo como xa é habitual durante todos os domingos do mes de xullo en distintos espazos verdes da cidade”. A primeira das citas do “Verde que te quero verde” será o vindeiro domingo, día 3 de xullo, na Praza Irmáns Freire en Xuvia, a partir das 12.30 horas. Para abrir o ciclo deste ano contaremos cos concertos de Magín Blanco, todo un referente en Galicia da música infantil e non só infantil, e con Momboi, unha banda que co seu novo disco está a conquistar concursos e festivais e que nos fará desfrutar e bailar co seus pop e os seus ritmos latinos. A segunda das propostas, o domingo 10 de xullo na Rúa 25 de xullo, no Alto, ás 12.30 horas. Nesta convocatoria presentarán tamén novo disco en Narón uns dos novos referentes da música de raíz, Caldo, cos seus enérxicos e divertidos directos. Estarán acompañados na parte infantil, de Pitusa Semifusa, o proxecto no que a música Olga Brañas fai que sexa moi divertido que as nenas e nenos aprendan conceptos e ritmos musicais e no que conta coa naronesa Andrea Picos como cantante. A terceira proposta será o domingo 17 de xullo no que contaremos con dúas voces poderosísimas. Por unha banda Sabela King, a cantante de proxectos como The Lakazáns, que virá a interpretar cancións do seu proxecto de música familiar Martiña Soñadora. Pola outra contaremos coa estrea en formato banda dun dos proxectos máis novos, frescos e singulares da música galega: Catuxa Salom. A cuarta cita, pechando a sexta edición do programa “Verde que te quero verde” de encontros culturais será o 24 de xullo, tamén ás 12.30 horas, na rúa da Mariña Española. Nesta cita bailaremos a ritmo de swing e de soul xamaicano cos magníficos Xoubas e contaremos para o concerto familiar con outros dos músicos máis recoñecidos da música infantil, o querido Pablo Díaz, que temos o pracer de ter hoxe aquí con nós presentando este ciclo de música que xa coñece ben. Dende o Concello animouse á cidadanía a participar nesta convocatoria, de balde, e dirixida a públicos de todas as idades.

<<< Agosto 2022 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
 
www.naron.es