Servirán para realizar accións de apoio ás víctimas da violencia de xénero, e actividades para a terceira idade, respectivamente.
Narón, 16 de Xuño de 2011.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, asinou hoxe dous convenios de colaboración coa Asociación de Loita contra os Malos Tratos (ALMAT) e a Fundación Terra de Trasancos. Esta última entidade non estivo presente na convocatoria ós medios, pero o acordo asinouse posteriormente.
O acordo asinado coa representante de ALMAT, Carmen López Díaz, contempla a execución de programas de asistencia psicolóxica e xurídica, acompañamento das víctimas en xestións derivadas da súa situación, localización e tramitación da Casa de Acollida e outras accións que se deriven das anteriores.
O Concello de Narón achegará a ALMAT unha aportación de 1.500 €, e prestará asesoramento técnico e administrativo dende o Servizo Sociocomunitario en relación co convenio a desenvolver.
O acordo rubricado coa Fundación Terra de Trasancos ten como finalidade o desenvolvemento de diversas actividades para maiores na parroquia de O Val, contando coas instalacións desta entidade. En concreto, desenvolveranse diversas actividades sociais e culturais de interese público. Para a súa realización, o Concello aportará unha achega económica de 15.000 €, e prestará o asesoramento técnico do Servizo Sociocomunitario.