Narón poñerá en marcha nas vindeiras semanas un servizo social pioneiro en Galicia: a distribución a domicilio de comida preparada para o consumo e adaptada ás necesidades persoais de cada usuario. Destinado á poboación de mais idade, o servizo inclúe o préstamo dun microondas –se o usuario carece del- para poder quecer a comida.
A intención é favorecer unha dieta sa e equilibrada ás persoas maiores ou dependentes que teñan dificultades para cociñar. O novedoso proceso tecnolóxico utilizado permite a distribución de productos alimenticios con conservación en frío durante toda a súa vida útil sen a utilización de conservantes nin aditivos químicos.
A dieta vai adaptarse a cada persoa individualmente, en función das súas características e seguindo as recomendacións médicas. Persoal do servizo de atención a domicilio entregará diariamente as comidas, compostas de primeiro e segundo prato, sobremesa, pan, froita e lácteos. Os alimentos viaxarán en vehículos isotermos.