Estivo organizado pola Concellería de Igualdade de Narón.
Narón, 8 de Febreiro de 2013.- A Concelleira de Igualdade de Narón, Teresa Sabio, entregou hoxe venres dia 8 de febreiro, os diplomas correspondentes ó Obradoiro de Cociña Saudable dirixido a homes, no que participaron un total de 32 persoas.
Os obxectivos principais deste obradoiro foron o aprendizaxe de diferentes técnicas, habilidades e destrezas no eido da cociña, o coñecemento dos produtos máis saudables e as cantidades que deben tomar as persoas maiores, e a promoción do ámbito comunitario do Concello coma un espazo realmente corresponsable.
Os obradoiros realizáronse nos centros comunitarios, e tiveron unha duración de 24 horas divididas en seis xornadas.
Ó longo das clases, os alumnos aprenderon a elaborar receitas saudables e sinxelas, así como a manipular alimentos e útiles de cociña, limpeza doméstica, organización da compra, técnicas de preparación de alimentos, e a elaboración dun menú.
O Obradoiro de Cociña Saudable forma parte do Programa de atención ás Persoas Maiores, e concíbese coma unha estratexia que fomenta a educación para a saúde entre os homes maiores. Así, a través de propostas coma ésta, achegáronse ós asistentes conceptos e coñecementos elementais sobre nutrición, para que poidan ser utilizados e aplicados á vida cotiá. Ó mesmo tempo, conciénciase á poboación do papel da alimentación na saúde e prevención das enfermidades, tanto físicas coma psicolóxicas.