CUARENTA ALUMNOS FINALIZARON CON ÉXITO DOUS CURSOS DO PROGRAMA MUNICIPAL 'CAMIÑO DE EMPREGO III'
Estas persoas, en situación de desemprego, recibiron formación en Prevención de riscos laborais na construción e Atención ao público.
Narón, 22 de Febreiro de 2013.- O Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e a Concelleira de Formación Laboral e Emprego, Mª del Mar Gómez, entregaron hoxe os diplomas de dous cursos pertencentes ó programa Camiño de Emprego III, financiado con fondos municipais e dirixido a persoas desempregadas con domicilio en Narón.
Trátase dos cursos ‘Prevención de riscos laborais no sector da construción’ e ‘Atención ao público’ finalizados con éxito por un total de 40 alumn@s.
O curso ‘Prevención de riscos laborais no sector da construción’ desenvolveuse do 18/01/2013 ó 04/02/2013 cun total de 60 horas de formación, e 25 alumn@s. Os participantes recibiron formación en seguridade e saúde, coñecendo os riscos do sector da construción e a xestión da súa prevención.
O curso ‘Atención ao público’ celebrouse do 12 ó 14 de decembro de 2012, con 15 horas de formación, e foi concluído por 15 alumn@s que recibiron dous módulos de ensinanzas: habilidades de comunicación, e técnicas de información e atención ao cliente e consumidor.
A Concelleira de Formación Laboral e Emprego de Narón, Mª del Mar Gómez, recordou ós participantes nos cursos que poden seguir contando co asesoramento técnico do Concello para iniciar unha busca activa de emprego, para o cal cóntase cunha Técnico Local de Emprego, unha Orientadora Laboral, e dous Educadoras Sociais.
Pola súa banda, o Alcalde de Narón, José Manuel Blanco, insistíu en que “quen máis está a sufrir a crise e a lacra do desemprego é a xuventude, por iso este é o momento de prepararse profesionalmente e aproveitar o tempo realizando cursos de formación”.
Actualmente, o Concello de Narón ten en marcha os seguintes cursos de formación:
-Curso PCPI de Carpintería (Xunta de Galicia).
-Curso de Destrezas básicas de confección (Concello de Narón-Igualdade)
-Curso de Agrogandería (Camiño de Emprego III)
-Curso de iniciación ás Construcións Metálicas (Camiño de Emprego III)
-Curso de servizos básicos de restaurante e bar (Camiño de Emprego III)