PRESENTACIÓN DAS ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES OFERTADAS POLO CONCELLO PARA OS CENTROS DE ENSINO PÚBLICOS DE NARÓN
O programa Promedex 4 inclúe obradoiros de Linguas, Novas Tecnoloxías, Predeporte, Escola de Familia, Música e Voz, e Graffitis.
Narón, 16 de Outubro de 2013.- A Concelleira de Educación de Narón, Mª del Carmen Espada, presentou hoxe á comunidade educativa escolar dos centros de educación públicos de Narón, o Programa Municipal Educativo Extraescolar “Promedex 4”.
Nesta xuntanza participaron directores e personal dos centros públicos de ensino, e representantes das ANPAS. O programa Promedex 4 foi elaborado polo Servizo Sociocomunitario Municipal, e oferta obradoiros educativos de reforzo de diferentes áreas: idiomas, números e letras, novas tecnoloxías, igualdade, música, habilidades sociais e artes gráficas.
Estas actividades diríxense ó alumnado do CEIP A Solaina, CEIP Ponte de Xuvia, CRA, CEIP A Gándara, CEIP Piñeiros, CEIP Virxe do Mar, CPI O Feal, IES Telleiras, e IES Terra de Trasancos, así como ás familias. Desenvolveranse de outubro de 2013 a maio de 2014, nos centros escolares públicos de Narón e na Casa da Mocidade (dependendo da actividade elexida).
En tódolos casos, o grupo máximo de alumnos/as será de 15 persoas (agás a actividade de Reforzatic e Xogos de linguas) e o horario das clases será de 16:00 a 20:00 horas.
A relación de actividades ofertadas dende o Concello de Narón para o curso académico 2013/2014 é a seguinte:
-Xogos de linguas (8,01€/mes)
-Reforzatic -reforzo educativo a través das novas tecnoloxías- (de balde)
-Activaxove (8,01€/mes)
-Escolas de familia (8,01€/mes)
-Obradoiro de graffiti (8,01€/mes)
-Obradoiro de voces e música (8,01€/mes)
Os obxectivos deste programa Promedex 4 son dous: favorecer o desenvolvemento de actividades que proporcionen unha información integral ó alumno, e procurar que o alumnado acade unha optimización dos tempos extraescolares para a adquisición das competencias básicas que esixe a sociedade actual, ao tempo que se promove o esforzo compartido de toda a comunidade educativa caro ó fomento do éxito escolar e a redución do abandono temperán dos estudos.
A duración destas actividades será de unha 1 por sesión dous días á semana, agás a Escola de Nais e pais que poderá ter dúas horas de duración por sesión e concentrarase en 1 día á semana, e os obradoiros de voces e música e graffiti, que terán unha duración de 3 horas á semana.
O perfil dos profesionais que impartirán as actividades é diverso: diplomados/as en Educación Social, Pedagogos/as, Psicopedagogos/as, mestres/as en Educación Infantil, Filólogos/as, mestres/as en Educación Física, monitores/as de xogos popuplares, técnicos/as en animacións sociocultural, en actividades físicas e deportivas, etc…