Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
SETE PROXECTOS EMPRESARIAIS RECIBIRÁN ASESORAMENTO NAS I XORNADAS ARRINCA NARÓN 2013
Os días 9 e 10 de novembro no Salón de Actos da Cooperativa do Val. Traballarase sobre ideas e proxectos de negocio a desenvolver na comarca.
Narón, 4 de Novembro de 2013.- O Salón de Actos da Cooperativa de O Val acollerá os días 8 e 9 de novembro o evento Arrinca Narón 2013. Esta iniciativa está organizada pola Cooperativa do Val, a Fundación Terra de Trasancos e a empresa Eira Dixital. Ademais conta co apoio das concellerías de Promoción Económica, Formación Laboral e Emprego do Concello de Narón. Arrinca Narón consiste en traballar de xeito colaborativo sobre ideas e proxectos de negocio a desenvolver na comarca, co fin de xerar autoemprego, postos de traballo ou alternativas comerciais para sortear a crise económica existente. Ademais, contarase coa experiencia e consello de oito mentores que participan de xeito desinteresado nesta iniciativa. Estas xornadas desenvolveranse o venres 8 de novembro, de 16:30 a 20:30 horas, e o sábado 9 de novembro, de 10 a 19:30 horas. No evento pódese participar de dous xeitos, presentando unha idea ou proxecto, ou ben, inscribíndose para colaborar e aprender sobre a iniciativa doutra persoa. A admisión de proxectos pechouse hai días con sete iniciativas de diversas temáticas: centro de coworking ou traballo colaborativo, xestión forestal racional, centro de atención integral do menor e a súa familia, acuaponía autosuficiente, formación en inglés adaptada segundo as necesidades do cliente, aprendizaxe respiratoria para nenos e construción prefabricada baseada na ecoloxía, a economía e a flexibilidade. Respecto á colaboración nos proxectos doutras persoas, o prazo de inscrición segue aberto ata o xoves 7 e ten un custo de 15 euros. Estas inscricións poden realizarse a través da web http://naron.arrinca.org e inclúen refrescos, cafés e a comida do sábado no Mesón A Ponte (O Val - Narón). Calquera persoa cunha opinión que aportar ás ideas participantes ou con necesidade de asesoramento por parte dos mentores será benvida e poderá gozar dunha experiencia gratificante, mentres axuda a sacar proxectos reais adiante. O número de prazas é limitado, polo que a organización recomenda non deixar a inscrición para o final.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal