Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CORPORACIÓN MUNICIPAL APROBA OS ORZAMENTOS XERAIS DO CONCELLO DE NARÓN PARA 2015
Ascenden a 28 millóns de euros, e priorizan o gasto nas persoas e o equilibrio orzamentario.
Narón, 27 de Novembro de 2014.- A Corporación Municipal de Narón reuníuse hoxe en sesión plenaria ordinaria, para aprobar os Orzamentos do Concello de Narón para o exercicio do 2015, que ascende á cantidade de 28.058.922,45€. O documento contable foi aprobado cos votos a favor de tódolos grupos políticos (TEGA, PSOE, BNG e Converxencia Galega) agás o voto en contra do PP. Este presuposto reserva crédito para o convenio co SERGAS para a construción do novo Centro de Saúde (100.000€) e para finalizar o pago da Casa Cuartel da Garda Civil de Xuvia (40.000€). Pero sen dúbida, destaca por priorizar a atención ás persoas e manter a estabilidade presupostaria, tal e como indicou o Concelleiro de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar. No mesmo apartado da orde do día, tamén se aprobou o Orzamento do Padroado de Cultura para o exercicio do 2015, que ascende a 1.615.440€, coa mesma votación que o anterior. Hoxe tamén se aprobou unha Moción do grupo de goberno municipal relativa ós Orzamentos da Xunta de Galicia e do Estado para o ano 2015, na que se considera que existe unha discriminación de ambas administracións respecto ó Concello de Narón posto que nos seus orzamentos non aparece nin un só euro para dar resposta ás demandas que veñen sendo reiteradas no tempo. A través desta moción –aprobada cos votos de tódolos grupos agás a abstención do PP- ínstase á Xunta a dispor de recursos nos Orzamentos de 2015 para as seguintes actuacións en Narón: construción do novo Centro de Saúde, construción do colector xeral da rede de saneamento en Sedes (ó longo da estrada AC-112 ata Pedroso) e construción dun Centro de Ensino de Primaria e Secundaria no Alto do Castiñeiro. O Concello comprométese a habilitar financiamento para realizar as obras que se estimen de execución conxunta. Asimesmo, se reclama á Xunta de Galicia que se faga cargo da xestión da Estación Depuradora de Augas Residuais, e ó Goberno do Estado a que asuma o custo da execución do colector xeral do saneamento do tramo Cadaval-Xuvia. Hoxe tamén se ratificou o nomeamento de Tomás Ramón Fernández Rodríguez como avogado do Concello de Narón, para a interposición do recurso contencioso-administrativo contra o Concello de Ferrol, para a revogación do acordo para a explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol. Como se recordará, o Concello de Ferrol adxudicou á empresa mixta de augas Emafesa este servizo, o que non se axusta á legalidade por ser unha compañía participada pola administración local e unha empresa privada. Dado o carácter supramunicipal desta actuación (que inclúe ós municipios de Ferrol e Narón), o goberno municipal de Narón reclama a constitución dunha entidade que se encargue da explotación das obras, na que poderían participar ambos concellos e tamén as Administracións Estatal e Autonómica. Outro dos acordos adoptados hoxe por maioría –co voto en contra do PP- foi a aprobación da revisión do canon do contrato de concesión do servizo de recollida de Residuos Sólidos Urbanos (RSU) e limpeza viaria, pola cantidade de 2.613.819,50€. Tódolos grupos votaron a favor agás o PP que fíxoo en contra. Dentro da orde do día da sesión plenaria de hoxe tamén se tomou coñecemento das renuncias presentadas por Juan Iglesias Iglesias e Jesús Angel Porta Pita (seguintes integrantes da candidatura do PP logo da renuncia de Marcela Castro Ascanio á súa condición de Concelleira do PP). Asimesmo, solicitouse á Xunta Electoral Central a expedición da credencial do seguinte membro da lista, que é Aurora Pigueiras Martínez (número 13 da candidatura). Hoxe tamén foron debatidas outras dúas mocións: -Moción do Grupo Mixto Municipal relativa á problemática do uso do amianto. Neste texto, promovido por Converxencia Galega de Narón, se insta ó Goberno de España á creación dun fondo estatal de compensación para as vítimas do amianto, á creación en España dun censo real de afectados polo amianto, e á creación dun programa de vixilancia epidemiolóxico da enfermidade. Asimesmo, requírese un maior control por parte das mutuas laborables e ínstase á Xunta de Galicia á creación dun Instituto Galego do Amianto, para efectuar diagnósticos da situación en Galicia. Foi aprobada cos votos a favor de tódolos grupos políticos, agás a abstención do PP. -Moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE sobre o real decreto 624/2014, de 18 de julio, polo que se desenvolve o dereito de remuneración aos autores polos préstamos das súas obras realizados en bibliotecas. Instase ó Goberno de España para que os Presupostos Xerais do Estado de 2015 aumenten a partida presupostaria para a adquisición e renovación de fondos por parte das bibliotecas públicas e asuman unha partida específica suficiente para axudar a sufragar o Canon por préstamo bibliotecario das bibliotecas públicas municipais. Reclámase ademais que esta partida cubra a totalidade do canon dos municipios menores de 50.000 habitantes. Tamén insta ó Goberno de España a crear unha partida específica nos PGE de 2015 para colaborar co pagamento de dereitos que deberán realizar museos, arquivos, hemerotecas, fonotecas ou filmotecas de titularidade pública. A moción aprobouse con tódolos votos a favor, agás o PP que votou en contra.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal