Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PLENO APROBA POR UNANIMIDADE A ADHESIÓN DO CONCELLO DE NARÓN Á CARTA EUROPEA DE SEGURIDADE VIAL
Permitirá o desenvolvemento de novas accións e iniciativas de colaboración e concienciación en materia de educación vial.
Narón, 26 de Febreiro de 2015.- A Corporación Municipal de Narón celebrou hoxe o Pleno Ordinario do mes de febreiro, no que se aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Narón á Carta Europea de Seguridade Vial. Trátase dunha proposta formulada polo grupo de Educación Vial de Narón, cuxo obxectivo é acadar unha maior sensibilización sobre a Seguridade Vial, incentivando accións e iniciativas de colaboración e concienciación. A Carta Europea da Seguridade Vial (dirixida pola Comisión Europea) é a maior plataforma sobre seguridade vial da sociedade civil. Ata a data, mais de 2.300 entidades públicas e privadas comprometéronse coa Carta e levaron a cabo accións e iniciativas de seguridade vial dirixidas ós seus membros e ó resto da sociedade civil. En concreto, a Carta Europea de Seguridade Vial ten como obxectivos: -Fomentar e apoiar a asociacións, escolas, universidades, empresas de todo tipo e tamaño, e autoridades locais europeas a tomar medidas de seguridade vial en Europa. -Recoñecer as contribucións da sociedade civil á seguridade vial. -Facilitar a adquisición e intercambio de coñecementos en materia de Seguridade Vial na Unión Europea, publicando na súa web todas as accións tomadas polos seus membros a fin de ensinar e inspirar a terceiros. -Facilitar un diálogo verdadeiro para a transferencia de experiencias e prácticas de seguridade vial en todas as esferas de goberno na Unión Europea. Actualmente, a principal misión desta plataforma é reducir o número de vítimas da estrada mediante a adopción de medidas concretas, así como evaluar os resultados obtidos a fin de acadar unha maior sensibilización sobre este tema. Outro punto refrendado no Pleno foi a solicitude de concesión á Demarcación de Costas en Galicia, para a ocupación de terreos de dominio público marítimo-terrestre no Paseo Marítimo de Xuvia. O Concello de Narón solicitará o terreo (de 77.743 m2 de superficie total) por un período de 30 anos, para levar a cabo actividades socioculturais, ampliar o parque público e instalar un establecemento de hostalería. O acordo foi adoptado cos votos a favor de tódolos grupos (TEGA, PSOE, BNG e Grupo Mixto) agás o voto en contra do PP, quen presentou unha enmenda que non foi aceptada. Os populares plantearon destinar este terreo a usos deportivos, instalando equipamento para piragüismo, remo e unha piscina ó aire libre. Esta última instalación non se axustaría á legalidade, posto que o Regulamento Xeral de Costas prohíbe a edificación en terreos litorais. Tamén hoxe foi aprobado o Marco Orzamentario previsto para os anos 2016-2018, elaborado polos Servizos Económicos do Concello en cumprimento da Lei de Estabilidade Orzamentaria e Sustentabilidade Financeira (LEOSF). Esta Lei Orgánica (2/2012) obriga ás entidades locais a aprobar un marco orzamentario que garanta unha programación orzamentaria coherente cos obxectivos de estabilidade, regra de gasto e débeda pública aprobados polo Estado. Este documento foi aprobado cos votos a favor de tódolos partidos, agás o voto en contra do PP. Na relación de asuntos ratificados hoxe tamén figura a aprobación de 11 convenios de colaboración con entidades deportivas, para a organización de eventos durante o ano 2015. O acordo foi adoptado cos votos a favor de tódolos grupos políticos agás a abstención do PP. Club ou entidade deportiva Actividade Cantidade Club de Remo Narón Trofeo de Bateis 1.500 € Club de Cazadores A Faisca Silvestrismo 800 € Club Deportivo Revolution Fitness 500 € Sociedade Caza e Pesca Xuvia Trofeo de Pesca 500 € Sociedade Caza e Pesca Xuvia Trofeo de Caza 1.000 € Club Afflelou Narón Trofeo de Atletismo 1.000 € Moto Club Fojeteiros Concentración Moteira 10.000 € S.D.C.R. O Freixo Trofeo de F. Sala Base 1.000 € Club Piragüismo Narón Camp. Galego Piragüismo 1.500 € Club de Golf Campomar Trofeo de Golf 800 € A. Deportiva Santiago Apostol Copa Galicia Baloncesto 1.500 € A continuación, aprobáronse por unanimidade dous convenios deportivos coa Federación Galega de Baloncesto e coa Agrupación Deportiva Náutico de Narón, en virtude dos cales o Concello achegará 3.000 € para a promoción do Baloncesto e outros 1.900 € para a realización de Xornadas de promoción do Triatlón en Narón. No apartado de mocións foi aprobada unha proposta do grupo de Goberno Municipal para demandar un Plan de Emprego Feminino. O texto do acordo insta á Xunta de Galicia “a cumprir, nun prazo máximo de dous meses, coa promesa de aprobar un Plan de Emprego Feminino, e consignar o orzamento necesario para desenvolvelo ó longo dos vindeiros catro anos. Este plan terá como obxectivo establecer medidas destinadas a incrementar a taxa de emprego feminino, promover a contratación de mulleres nos sectores en que está subrepresentada, reducir o alto grao de precariedade das traballadoras, atallar as problemáticas específicas das mulleres nos ámbitos produtivos –labregas, mariscadoras. Redeiras…- atendendo específicamente á problemática das mozas galegas para acceder ó emprego”. O acordo aprobouse por maioría, con tódolos votos a favor agás o voto en contra do PP. Seguidamente, o BNG presentou unha moción de apoio ó asilo político do activista saharaui Hassana Aalia, que foi aprobada por unanimidade. Facendo súa a petición da Delegación Saharaui en Galicia, e de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, esta moción insta ó Goberno galego a que se dirixa ó Goberno de España “esixíndolle ó Ministerio de Interior que conceda o Asilo Político a Hassanna Aalia, activista saharaui de Dereitos Humanos e defensor do dereito de autodeterminación do Pobo Saharaui, recoñecido pola lexislación internacional, dado que o seu retorno ó Sáhara Occidental supón un risco real para a súa integridade física”. Tamén se solicita a remisión “de forma inmediata desta solicitude ó Ministerio do Interior, instando ó tempo á suspensión inmediata da orde de abandono do Estado español”. Por último, no Pleno de hoxe se debateu unha moción do grupo de Goberno Municipal sobre a Fibromialxia e a Síndrome de Fatiga Crónica, aprobada por tódolos partidos e coa abstención do PP. O texto acorda “apoiar o proceso de recollida de sinaturas que faga posible a discusión parlamentaria dunha reforma da lei a través da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Asociación FM Unión e Forza co fin de que se inclúan a fibromialxia e a síndrome de fatiga crónica nos baremos de INSS, así como que se cren unidades multidisciplinares na rede sanitaria pública nacional e se doten partidas de fondos públicos para a investigación, axilizándose os procesos de incapacidades”. Tamén se respalda o proceso de recollida de firmas nas estradas de Narón, que puxo en marcha a Asociación FM Unión e Forza.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal