Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ABERTO O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NO PROGRAMA DE INSERCIÓN LABORAL "TERRITORIO DE EMPREGO 2015-2016"
Un total de corenta e sete desempregados de Narón beneficiaranse desta iniciativa
Narón, 21 de xullo de 2015.- A Concellería de Formación de Narón, dirixida pola edil Natalia Hermida, informa a todas as persoas interesadas en participar no programa de inserción laboral “Territorio de Emprego 2015-2016”, que deben persoarse antes de finais deste mes de xullo na oficina do Servizo Público de Emprego da avenida de Vigo, en Ferrol, e indicar que queren participar no mesmo, a través do código 930. A iniciativa, dirixida a desempregados, está subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar e a inclusión do Consistorio de Narón na mesma solicitouse mediante a Mancomunidade de Municipios da Ría de Ferrol a través dos Programas Integrados para o Emprego 2015-2016. Os concellos de Cedeira e Valdoviño tamén se implicarán neste programa, que se dirixe a desempregados das tres localidades e do que se beneficiarán un total de 62 persoas, das que 47 estarán empadroadas en Narón; oito en Valdoviño e as sete restantes en Cedeira, ao concederse atendendo a datos de poboación dos tres municipios. Serán estas tres administracións locais as encargadas de cofinanciar este programa coa Xunta. O custe total ascende a 73.621,62 euros, dos que a administración autonómica aportará 64.787,03 e os Consistorios os restantes 8.834,58, correspondéndolle ao Concello de Narón 6.671,18; ao de Valdoviño un total de 1.088,22 e ao de Cedeira 1.075,19 euros. O programa, que incluirá xornadas teóricas, prácticas en empresas –a través duns convenios- e orientación individualizada e grupal, entre outras, comezará o 1 de setembro e rematará o 31 de agosto de 2016. No caso de Narón desenvolveranse –as sesións teóricas- na nave de formación municipal Irmás Froilaz, na Gándara. As persoas que finalmente resulten seleccionadas para o programa cobrarán os gastos de desprazamento por día de asistencia, establecéndose unha cuota de entre tres e sete euros por cada xornada en función da distancia do seu domicilio ao centro formativo. Os colectivos aos que se dirixe a convocatoria son persoas desempregadas: con discapacidade, en risco de exclusión social ou mulleres que acrediten a condición de vítimas de violencia de xénero; menores de 30 anos con baixa cualificación; ou persoas que perciben prestacións, subsidios por desemprego ou Renda Activa de Inserción; beneficiarias da axuda do programa de recualificación profesional (Prepara) e mulleres. A finalidade deste programa é mellorar a inserción laboral das persoas desempregadas. Por este motivo, ademais de formación transversal (cursos de hixiene alimentaria, básico de prevención de riscos laborais, etc.) inclúese formación específica para que os participantes adquiran as competencias profesionais necesarias para desempeñar un posto de traballo en diferentes sectores. Un total de 68 persoas que participaron nas convocatorias deste programa correspondentes aos anos 2013-2014 e 2014-2015 atoparon un posto de traballo tras finalizar os cursos. A concelleira de Formación destacou o feito de que o programa de inserción laboral “Territorio de Emprego 2015-2016” mellora considerablemente a empregabilidade dos participantes, e incidiu no “bo resultado das edicións anteriores, nas que se rexistrou unha porcentaxe importante de inserción”. Natalia Hermida asegurou que para que o resultado final sexa exitoso “é moi importante a motivación de todas as persoas que participan”. Entre os anos 2009 e 2014 leváronse a cabo no Concello de Narón un total de 270 proxectos emprendedores. Así mesmo, indicar que o Servizo de Información, Orientación e Busca de Emprego do Concello de Narón atendeu a 3.436 persoas nese mesmo período.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal