Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CENTRO DE RECURSOS SOLIDARIOS DE NARÓN RECIBIU ESTE MES 2.235 QUILOS DE ALIMENTOS E PRODUTOS DE HIXIENE
As instalación localízanse nunha nave de alugueiro nas Lagoas (Freixeiro) pero o goberno local proxecta a construción dunha propia
Narón, 25 de xullo de 2015.- O Centro de Recursos Solidarios de Narón procederá nos vindeiros días á entrega das últimas doazóns recibidas este mes, un total de 2.235 quilos de alimentos e produtos de hixiene. A concelleira de Acción Social, Catalina García, valorou o resultado da “Operación quilo” celebrada os pasados días 10 e 11 de xullo no municipio, na que colaboraron Hiper Froiz Narón (no Centro Comercial Narón) e os establecementos Lidl de Parque Ferrol e A Gándara. Na campaña recolléronse 1.331 litros de leite; 157 de aceite, uns 80 de cacao en pó; 149 de azúcre; 135 unidades de produtos de hixiene e 219 de alimentos. Todos estes produtos son os máis demandados polos usuarios das instalacións, desde as que se atende a unhas 1.300 persoas de Narón e tamén doutros concellos da comarca. A maiores, está unha doazón da Asociación de Veciños de Castro, que colaborou na “Operación quilo” e tamén os produtos que se entregaron no “Mercado de Segunda Man de Sedes” –celebrado o pasado 5 de xullo- e no que se contabilizaron 102,5 quilos de produtos, e as que quincenalmente realiza a Cooperativa do Val ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. A concelleira de Acción Social de Narón, Catalina García, agradeceu a colaboración prestada para a “Operación quilo” polo persoal do Centro Comercial Narón e dos tres establecementos anteriormente citados, tanto pola cesión de espazos como pola axuda que prestaron os traballadores nesta campaña solidaria. Así mesmo, valorou a implicación de todas as persoas que realizaron as doazóns a través de diferentes entidades, como neste caso a AVV de Castro ou a Cooperativa do Val, ou a título individual. “Sen a axuda de toda esta xente sería impensable, ou cando menos moito máis complicado, poder organizar este tipo de campañas. Nestes tempos de crise é moi ben recibida calquera doazón, por mínima que pareza, porque desgraciadamente son moitas as familias que o están pasando mal neste concello e na comarca e carecen de produtos básicos de alimentación e hixiene”. Todas aquelas persoas que ao longo do ano desexen colaborar co Centro de Recursos Solidarios poden realizar as doazóns nas propias instalacións, cunha nave na zona de Freixeiro –pola parte traseira do centro de exames das Lagoas- e que abre as súas portas os martes e xoves de 09.00 a 12.30 e os mércores desde as 19.00 ata as 21.00 horas. A edil de Acción Social explicou que o goberno local continúa realizando as xestións oportunas para poder construír unha nave propia, xa que a actual é de aluguer. Fundación Centro de Recursos Solidarios de Narón Catalina García anunciou que se recibiu unha comunicación da Xunta de Galicia na que se informa de que o nome elixido para constituírse como Fundación Centro de Recursos Solidarios de Narón está dispoñible. Por ese motivo, desde a Concellería de Acción Social, indicou “continuaremos traballando para elaborar os estatutos pertinentes e darlle forma xurídica”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal