Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO SOLICITA A COLABORACIÓN DOS HOSTALEIROS LOCAIS PARA DEPOSITAR O VIDRO E O PAPEL NOS CONTEDORES PARA ESTES RESIDUOS
O goberno local incide na necesidade de fomentar as tarefas de reciclaxe
Narón, 24 de agosto de 2015.- A Concellería de Servizos de Narón, dirixida polo edil Ibán Santalla, está remitindo unhas cartas aos hostaleiros da localidade para solicitar a súa colaboración en materia de reciclaxe dos residuos procedentes dos seus establecementos. A compañía de limpeza Urbaser detectou nas últimas semanas que se están depositando nos colectores de lixo residuos impropios para a finalidade de cada un deles, polo que alertou ao Concello sobre este tipo de prácticas para poder erradicalas. A maior parte dos problemas rexístranse no caso do vidro e do papel, que algunhas persoas tiran nos contedores de residuos orgánicos en lugar de nos de cor verde e azul, respectivamente, específicos para estes materiais. En canto ás zonas destas incidencias, a maioría dos casos detectáronse nas áreas onde se concentra un maior número de establecementos de hostalería e comerciais: a estrada de Castela, Freixeiro e A Gándara. Esta práctica, ademais de complicar as tarefas de reciclaxe, co que iso implica no medio ambiente, pode supoñer incluso danos físicos ás persoas que traballan no servizo de recollida de lixo. Ibán Santalla incide na importancia de concienciar á poboación, tanto aos particulares como aos empresarios do sector hostaleiro e do comercio, por ser os que máis traballan a diario con envases e botellas de vidro e papel ou cartón, para que se deposite nos colectores específicos. “O problema máis grave, pola cantidade e o tipo de material do que falamos, é o do vidro, pero tamén se dan casos nos que o cartón, os papeis e os plásticos non se depositan no debido colector de lixo, xerando tamén problemas medioambientais e perdas económicas ao reciclar menos cantidade de residuos por non estar no contedor idóneo”, explicou o concelleiro de Servizos de Narón. O edil solicita ademais aos hostaleiros que no caso de que consideren insuficiente o número de colectores de vidro localizados nas rúas nas que están os seus establecementos, que así o comuniquen ao Concello, a través do Rexistro Municipal, da propia área de Servizos ou chamando ao número de teléfono 981 33 77 00 (ext.1316). A indicación faise tamén extensiva dende a área de Servizos á cidadanía en xeral, da que tamén se solicita colaboración tanto para erradicar os problemas detectados como para demandar máis colectores para calquera tipo de residuos nalgunha zona do municipio. Santalla recorda tamén na misiva enviada aos hostaleiros que o feito de depositar o vidro noutros colectores –ou calquera outro material nun receptáculo non específico para tal fin- é obxecto de sancións económicas, recollidas na Ordenanza de residuos e limpeza viaria do Concello de Narón, que contempla multas de ata 3.000 euros para este tipo de prácticas.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
naron.gal