Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ O 12 DE SETEMBRO A GALA SOLIDARIA A FAVOR DA FUNDACIÓN ALBA PÉREZ
O programa inclúe varias actuacións dirixidas a adultos e ao público infantil
Narón, 9 de setembro de 2015. O Pazo da Cultura de Narón acollerá o día 12 de setembro, a Gala Solidaria a favor da Fundación Alba Pérez. O evento comezará ás 19.30 horas e as persoas interesadas en asistir deberán facer un donativo de 5 euros para a entrada, -aos menores entregaráselles un boleto que terán que conservar para poder participar no sorteo de varios agasallos que se realizará durante a gala-. Os tickets pódense adquirir no Pazo de xeito anticipado ou o mesmo día do acto. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro e a edil de Igualdade, Teresa Sabio, acompañaron na presentación a Mónica Cereijo, organizadora deste evento que, un ano máis, contará coa colaboración do Concello de Narón, que cederá as instalacións do Pazo da Cultura para esta gala solidaria. Á cita acudirá tamén o presidente da Fundación Alba Pérez, Rafael Pérez, pai da menor facelida por un cancro en agosto do ano 2013. A Gala solidaria a favor da Fundación Alba Pérez contará coa presencia dos cantantes Rosa Cedrón e Roberto Gago e tamén coas actuacións dos músicos Marcos Mella e Fran Rey. No evento estarán ademais o ilusionista Deimi Varela; o monologuista Fiz Patinho; a academia de baile Boris Pico-Dance Center; o músico rap Leo Kch; o cómico Pedro Brandariz, do programa Luar da TVG e a xornalista Belén Baños, tamén da TVG. A convocatoria, pensada para adultos e para o público infantil, contará tamén coa presenza de Bob Esponja, que a partir das 19.00 horas estará no hall do Pazo da Cultura para recibir aos nenos e nenas que acudan á gala. Tamén no hall se poderá adquirir –a un prezo de 20 euros- o libro “Sueño con Alba”, escrito polo pai de Alba Pérez. En cada asento haberá un flayer con información sobre a historia da Fundación Alba Pérez e as opcións para colaborar coa entidade, sen ánimo de lucro e que destina todos os fondos recadados á investigación do cancro infantil, tal e como subliñou Mónica Cereijo. A organizadora deste evento asegurou ademais que, a pesar de que a Fundación Alba Pérez ten a súa sede en Barcelona, onde residía Alba cos seus pais, “o Concello de Narón é o que máis contribúe a nivel de administracións locais, na organización dos diferentes eventos desta entidade”, polo que agradeceu, no seu nome e no do pai de Alba Pérez esa axuda. Así mesmo, recordou a habilitación dunha Fila 0 para todas aquelas persoas que queiran realizar algún donativo para a investigación e a loita contra o cancro infantil. A conta solidaria é en “La Caixa”: ES40-2100-0638-66-0200191250. As concelleiras de Igualdade e Cultura de Narón valoraron o traballo que realiza a Fundación Alba Pérez e animaron á veciñanza do municipio e da comarca a asistir a esta convocatoria e a colaborar, na medida do posible, con esta entidade que aposta pola investigación do cancro infantil.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal