Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO ABRE O PRAZO DE MATRÍCULA EN TRES CURSOS ENMARCADOS NO II PLAN DE IGUALDADE DE NARÓN
Os obradoiros diríxense a mulleres desempregadas do municipio de Narón, maiores de 18 anos
Narón, 15 de setembro de 2015. A Concellería de Igualdade, dirixida pola edil Teresa Sabio, abriu o prazo de matrícula en varias actividades educativas dirixidas a mulleres desempregadas do municipio e maiores de 18 anos As sesións enmárcanse no II Plan Municipal de Igualdade do Concello de Narón. Entre o vindeiro 1 de outubro e o 30 de xuño de 2016 impartiranse cursos de: Igualdade por medio da educación; Confección e Organización e xestión familiar. En total ofertaranse 93 prazas -tres de cada curso reservadas para persoas en risco de exclusión social, que serán derivadas polo Servizo Sociocomunitario de Narón- cubriranse por rigorosa orde de inscrición, sendo necesario superar unha proba de nivel moi básica entre os admitidos no curso de Confección. As sesións impartiranse na Casa da Mocidade da Gándara, no Centro Municipal de Formación e no colexio de San Mateo, dependendo do curso. Teresa Sabio anima a participar nestes obradoiros a todas as mulleres ás que van dirixidos, subliñando a importancia desta convocatoria e outras similares “para estar nas mellores condicións posibles a nivel formativo á hora de poder acceder a un posto de traballo”. O curso de Igualdade por medio da educación terá lugar dende outubro ata xuño –excepto os meses de xullo, agosto e setembro- na Casa da Mocidade, estando previstas as clases para os luns, mércores e xoves de 16.30 a 19.30 horas. Diríxese a 25 mulleres, que se formarán en lectura, escritura, xeografía, inglés, galego e cálculo. O obradoiro de Confección impartirase de outubro a xuño no Centro Municipal de Formación, coa finalidade de que as asistentes adquiran destreza no manexo da máquina de coser, aproveitamento de materiais e patronaxe. En total haberá vinte participantes, que se distribuirán en dous grupos en función dos seus coñecementos, un para os luns, mércores e venres de 09.30 a 12.30 horas e o outro para os martes e xoves de 09.30 a 12.30. Nas clases, as alumnas recibirán os coñecementos necesarios –teóricos e prácticos- para poder elaborar pezas de vestir, desenvolvendo a súa creatividade e abaratando os custos derivados de mercar roupa. Un total de 48 mulleres son as destinatarias do obradoiro de Organización e xestión familiar, que se desenvolverá de outubro a xuño na Casa da Mocidade e no colexio de San Mateo. As clases serán en dous grupos: un deles o luns, mércores e venres de 09.30 a 12.30 horas e o outro os martes e xoves de 09.30 a 12.30. As sesións permitirán formar ao alumnado en habilidades que melloren os seus hábitos domésticos e dotalas doutras sociais e prelaborais, como xestión económica e do tempo, alimentación, organización do traballo e desenvolvemento de roles familiares, entre outros. As mulleres interesadas deben presentar as instancias, xunto cunha fotocopia do DNI e outra da tarxeta de demandante de emprego, no Rexistro Xeral do Concello, de 08.30 a 13.00 horas, rematando o prazo de inscrición o vindeiro 29 de setembro. Para obter máis información sobre estes cursos pódese chamar ao Servizo Sociocomunitario Municipal, ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1113 e 1115).
Descarga de archivos
Solicitude
Tamaño:247,95 KB

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal