Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO HOMENAXEOU A TRES PERSOAS CENTENARIAS DA LOCALIDADE
A convocatoria organizouse coincidindo coa conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores
Narón, 1 de outubro de 2015. O Concello de Narón celebrou un dos actos programados con motivo da conmemoración do Día Internacional das Persoas Maiores. O alcalde, José Manuel Blanco, e a edil de Promoción Social, Teresa Sabio participaron xunto cos portavoces de Terra Galega, Marián Ferreiro e do PSOE e BNG, Catalina García e Pablo Villamar, respectivamente, na homenaxe que se rendiu no Concello a Eduardo Lamas e Josefa Vez, dous centenarios da localidade e nunha visita que posteriormente se realizou á tamén centenaria Josefa Gómez na súa casa do Val. Os tres recibiron de mans do alcalde e da edil de Promoción Social unha cesta con plantas e uns libros de Narón como agasallo por ter cumpridos cen anos e as felicitacións polos seus cen anos. Na convocatoria participaron tamén familiares dos homenaxeados, que agradeceron o xesto do Concello. Os políticos locais charlaron animadamente cos homenaxeados, que recordaron tempos pasados e explicaron algúns dos segredos da súa lonxevidade. Eduardo Lamas vive no Ponto, ten dous fillos, Eduardo e Pilar, dous netos e dous bisnetos. Fillo de emigrantes galegos, Eduardo Lamas veu para Galicia cando tiña sete anos e tan só foi unha vez ao médico, como el mesmo relatou. Afecionado á lectura, Eduardo contou o seu segredo para manterse ben durante todos estes anos: comer bocadillos de touciño fritido con azucre, á vez que animou ao alcalde a probalos: “Se o come unha vez, repetirá”, aseguroulle a Blanco, ao tempo que lle comentaba que tamén lle engade azucre ao pescado e á tortilla francesa. “Agora xa non os tomo pola mañá nin todos os días pero fíxeno moitos anos”, dixo o homenaxeado, que contou ter pendente unha viaxe á Fonsagrada para comer botelo. Traballador dunha empresa de fundición, Eduardo charlou distendidamente cos asistentes ao acto. Tamén se desprazou ata o Concello Josefa Vez, natural de Placente, en Sedes, pero que reside actualmente en San Xiao. Esta centenaria naronesa recordou os anos de traballo na agricultura: “Ata andiven co arado de ferro e co suco na cabeza”, explicou, apuntando ademais aos alí presentes que asistiu ata que cumpríu 98 anos á tradicional Cea da Muller que se celebra anualmente en Narón. Josefa ten un fillo, Marcial, dous netos e dous bisnetos. Preguntada sobre os seus segredos para manterse ben asegurou: “Nin eu mesma o sei, pero creo que non hai segredos”. O seu fillo Marcial daba algunhas pistas: “Traballar moito e comer todo o que ela quere”. Tralo acto celebrado no Concello, o alcalde e as edís de Promoción Social e Participación Cidadá trasladáronse á parroquia do Val, onde reside Josefa Gómez, que o pasado mes de xullo cumpriu cen anos. Nai de tres fillos: Concepción, Antonio e Manuel, Josefa ten seis netos e tres bisnetos. Naceu en Quintá, un lugar da mesma parroquia naronesa a escasos metros de donde hoxe reside, e traballou moitos anos como cociñeira. A homenaxeada levou unha grata sorpresa ao ver ao alcalde, ao que lle desexou “moitos anos máis” no cargo, e agradeceu a visita desta mañá, que calificou como “un bo recordo”. No marco dos actos programados con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, o Concello de Narón programou dous obradoiros que se desenvolverán este mes nos locais da Terceira Idade, un sobre “Graffiti” e outro sobre “Manexo de móbil intelixente”, dirixidos aos maiores da localidade.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal