Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O ALCALDE VALORA O COMPROMISO DOS CORPOS DE SEGURIDADE NOS ACTOS DO DÍA DA POLICÍA NACIONAL
Os Santos Ánxeles Custodios conmemoráronse na localidade cun acto relixioso no mosteiro do Couto e a entrega dunhas condecoracións no Pazo Libunca
Narón, 2 de outubro de 2015. O municipio naronés acolleu os actos de celebración dos Santos Ánxeles Custodios, patrón do Corpo Nacional de Policía. No mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto, tivo lugar un acto relixioso ao que asistiron, ademáis do alcalde de Narón, José Manuel Blanco; o Comisario Xefe da Comisaría de Ferrol-Narón, Ángel Jesús Casanova; o Xuíz Decano de Ferrol, Javier Tudela; o Almirante do Arsenal de Ferrol, Francisco Javier Romero Caramelo e a tenente de alcalde de Ferrol, Eugenia Freire, ademáis doutros representantes das corporacións locais de Narón e Ferrol e de diversas autoridades militares e civís e familiares. Rematados os actos relixiosos os participantes desprazáronse ata o Pazo Libunca, onde tivo lugar o acto institucional para conmemorar o Día da Policía Nacional. O Comisario Xefe da Comisaría de Ferrol-Narón, Ángel Jesús Casanova, comezou a súa intervención cun “cariñoso recordo aos compañeiros en activo e xubilados que non nos poden acompañar nesta xornada festiva” e fixo unha mención especial á Policía Vanesa María Lage, destinada en Vigo e falecida o ano pasado en acto de servizo. O máximo representante da Policía Nacional nesta demarcación mencionou a importante labor de xuíces e fiscais e a necesaria coordinación con outros Corpos de seguridade, así como a colaboración veciñal. Casanova aludiu aos últimos datos da Comisaría Ferrol-Narón, subliñando a existencia dunha baixada das infracións penais no ano 2014 e unha taxa de criminalidade que é a máis baixa de Galicia e por debaixo da media española. “Os municipios que integran esta Comisaría representan a sétima e oitava cidades de Galicia e en parámetros poboacionais conforman a terceira plantilla da Xefatura Superior de Policía de Galicia, o que en parte se debe ao continuo crecemento de habitantes que se vén producindo neste concello de Narón”, subliñou. O comisario Xefe finalizou a súa intervención adicando unhas palabras aos policías homenaxeados a continuación no acto de imposición de condecoracións a axentes da Policía Nacional e doutras institucións que foron merecedores das mesmas polos seus méritos profesionais, ingresando na Orde do Mérito Policial. As distincións deste ano foron para varios funcionarios da Comisaría de Ferrol-Narón: o inspector David López Suárez; o subinspector Gustavo Seoane Ferreiro e os policías Antonio Sastre Sarmiento; Francisco José Seijas Pérez, José Ángel Márnez Vallejo, Eliseo Ventosinos González, Luis Soto Cancela e José Fonticoba Villarnovo. A continuación entregouse a pertinente insignia para o ingreso na citada Orde ao Tenente Coronel de Infantería de Marina-Xefe de Seguridade Naval de Ferrol: Juan Manuel López Lariño. O alcalde de Narón, o Comisario Xefe de Ferrol-Narón, a tenente de alcalde de Ferrol, o xuíz decano de Ferrol e o Almirante do Arsenal foron os encargados de impoñer as condecoracións. Trala entrega das insignias deu comezo a intervención da tenente de alcalde de Ferrol, Eugenia Freire, que agradeceu a invitación ao acto e felicitou aos profesionais do Corpo tras desculpar a ausencia do alcalde da cidade naval, Jorge Suárez, “por compromisos de última hora”. “Creo na coordinación e no traballo común entre forzas que teñen a responsabilidade ética de mirar na mesma dirección en beneficio da veciñanza e agrupar esforzos en beneficio do ben común”, subliñou Freire, que citou como exemplo o feito de que Ferrol e Narón compartan Comisaría. O peche do acto correu a cargo do alcalde de Narón, José Manuel Blanco, que felicitou aos homenaxeados “polo seu compromiso, esforzo e dedicación”, e fixo tamén extensivo ese recoñecemento pola súa labor ao resto dos Corpos de seguridade, por velar pola seguridade cidadá. Blanco valorou o feito de que o Concello de Narón sexa actualmente “un referente en materia de seguridade a nivel autonómico”. “Non é tarefa fácil porque aos actos delictivos ou de violencia de xénero súmanse desde hai uns anos outros propios da era dixital na que vivimos, como os que se producen a través das redes sociais”, sinalou. O alcalde naronés ofreceu “toda a colaboración do noso Concello para traballar en defensa da seguridade cidadá” e animou ao persoal dos diferentes Corpos de seguridade “a manter a misma liña de traballo para que Narón e os concellos da comarca se manteñan á cabeza de Galicia en materia de seguridade cidadá”. Ao remate do acto os asistentes degustaron un ágape no exterior do Pazo Libunca.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal