Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO LICITA EN 360.948 EUROS AS OBRAS DO CENTRO DE DINAMIZACIÓN SOCIOCULTURAL DE PEDROSO
As empresas interesadas en presentar as súas ofertas poderán facelo ata mediados do vindeiro mes de novembro
Narón, 13 de outubro de 2015. O Concello de Narón licita en 360.948 euros o contrato das obras do Centro de Dinamización Sociocultural de Pedroso, que se localizará nas instalacións da antiga reitoral da citada parroquia. Os traballos a realizar na zona terán un prazo de execución de oito meses e as empresas interesadas en presentar ofertas dispoñen de vinte e seis días naturais –contados a partir do 14 de outubro- para presentalas, tal e como se recolle no Boletín Oficial da Provincia. A documentación deberá entregarse no Rexistro xeral do Concello ou remitirse por correo ao Consistorio, na praza de Galicia s/n; C.P.: 15.570 (Narón). Dos 360.948 euros que se destinarán aos traballos, a Deputación da Coruña sufragará o 80% -en virtude a un convenio xestionado polo goberno local e asinado o pasado mes de abril-, procedendo o 20% restante de fondos municipais. “A parroquia de Pedroso disporá en 2016 dunhas instalacións en condicións para poder desenvolver diversas actividades nun local municipal concebido totalmente para o uso e goce da veciñanza. Trátase dun proxecto sobre o que levamos moito tempo traballando e que se demorou no tempo debido ás negociacións que tivemos que realizar para adquirir a propiedade á Diócese de Mondoñedo-Ferrol pero que será unha realidade en menos dun ano”, subliñou o alcalde, José Manuel Blanco. A intervención proxectada contempla o acondicionamento da antiga reitoral de Pedroso e tamén obras na parcela na que se ubica a construción. Na planta baixa haberá unha cafetería con cociña; na alta dous locais para as asociacións da parroquia e o baixo cuberta terá usos polivalentes e de arquivo. Na planta baixa haberá tamén dúas construcións anexas para aseos, escaleiras, ascensor e oficina; e para sala multiusos, almacén e cuarto para as instalacións. A superficie construída é de 417,47 metros cadrados, e a útil de 284,42. No exterior da edificación adecentarase a parcela, de 800 metros cadrados de superficie, á que se lle darán novos usos a maiores de habilitar un espazo para estacionamento e un área de descanso cun pequeno parque biosaudable. O goberno local de Narón adquiriu no ano 2010 a antiga reitoral de Pedroso á Diócese de Mondoñedo-Ferrol, unha operación que supuxo ao Consistorio un desembolso de 55.000 euros. A licitación dos traballos para acondicionar o inmoble como Centro de Dinamización Sociocultural da parroquia “permite cumprir un dos compromisos adquiridos polo goberno local coa veciñanza da zona, ao tempo que ampliar a rede de servizos para as persoas que residen nos núcleos rurais de Narón”, tal e como recordou o alcalde, José Manuel Blanco.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal