Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O ALCALDE VALORA O COMPROMISO DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN PARA MANTER O ACORDO QUE PERMITIRÁ INSTALAR A CONCHA ACÚSTICA NO PAZO DA CULTURA
González Formoso asegurou que durante este mandato se avanzará no proxecto das obras pendentes na estrada do Feal
Narón, 29 de outubro de 2015. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, recibiu no seu despacho ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. No transcurso da reunión abordaron diferentes actuacións en curso e pendentes de executar na localidade, entre as que se atopan, tal e como apuntou Blanco, a estrada do Trece, na parroquia de Sedes, que inclúe a maiores da obra no vial a implantación dos servizos de saneamento e abastecemento; a senda peonil de San Xiao, a rotonda que se vai construír en Santa Icía, na Solaina, e a concha acústica do Pazo da Cultura. Blanco recordoulle ao actual presidente provincial que “temos unha estrada, que é a do Feal, que esperemos que durante esta lexislatura dea os primeiros pasos e nos próximos orzamentos polo menos se inclúa o proxecto para a mellora dese vial que conecta o polígono das Lagoas co centro de Narón, actualmente sen beirarrúas e servizos e que é fundamental para a localidade”. Ao respecto, González Formoso asegurou que “tomamos nota da redacción do proxecto e comprométome a miralo para que sexa unha realidade nesta lexislatura”. O rexedor local valorou a disposición de González Formoso a atender as peticións formuladas desde a administración local e incidiu en que “hai que darlle tempo, porque os políticos temos que ter tempo de reacción e espero que se siga amosando equitativo como o está facendo ata o momento”. Pola súa banda, o presidente da Deputación apuntou que “xa está concretada a participación de Narón no Plan de Acción Social da Deputación, onde terá unha participación de 830.000 euros que sumados ao Plan de Obras e Servizos supera os 1,4 millóns de euros para Narón en 2016, asegurando que “é a cantidade que lle corresponde a Narón en base aos criterios obxectivos polos que se conceden estes plans”. González Formoso destacou que os investimentos para o exercicio 2015-2016 da Deputación na localidade superarán os tres millóns de euros En relación coa concha acústica do Pazo da Cultura, o presidente provincial subliñou que se respectará o convenio asinado co Concello de Narón no anterior mandato “como non podía ser doutra maneira”, e explicou que o investimento comprometido manterase “a través do Plan de Acción Social ou fóra del”. O alcalde naronés xestionou durante o anterior mandato provincial a colaboración económica da Deputación da Coruña para a adquisición da concha acústica do Pazo, que supón un investimento de 284.350 euros e que cofinanciarán ambas administracións, asumindo a provincial o 80% do total e a local o 20% restante, tal e como se recolle no pertinente acordo. En canto ás actuacións en materia viaria o presidente da Deputación mencionou os recentes traballos de mantemento de pavimentación da estrada das Solaina “onde algún escrito do Concello nos advertía dunha serie de problemas que están en proceso de resolución”. González Formoso pediu desculpas á veciñanza pola “pouca atención prestada por parte da Deputación á execución dese traballo”. Finalmente, Blanco dirixiuse a González Formoso para destacar o feito de que “en moitos anos é o primeiro presidente que vén a visitar o noso Concello de xeito institucional, porque outros o fixeron a título privado, e agradézollo persoalmente e en nome de todos os veciños e veciñas de Narón”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal