Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
MÁIS DE 6.200 ALUMNOS E ALUMNAS DE CENTROS DE ENSINO DE NARÓN E COMARCA ASISTIRÁN Á "MOSTRA DE TEATRO INFANTIL E XUVENIL"
O programa que se desenvolve no Pazo da Cultura iniciouse en outubro e rematará a finais de novembro
Narón, 10 de novembro de 2015. A "Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil Narón 2015", organizada pola Concellería de Cultura, que dirixe a edil Marián Ferreiro, permitirá levar ao Pazo da Cultura a 6.283 alumnos e alumnas de centros de ensino de Narón e doutros concellos da comarca, que asistirán como público a algunha das vinte e dúas representacións contempladas no programa. A iniciativa comezou o pasado 26 de outubro e rematará o 27 deste mes, tal e como recordou a concelleira naronesa. Na xornada do 10 de novembro desprazáronse desde os seus centros en autobuses ás citadas instalacións culturais un total de 742 escolares de primeiro a cuarto curso de Primaria do CEIP da Gándara, dos CPR Jorge Juan, Santiago Apóstol e O Feal e do CRA de Narón. Os nenos e nenas presenciaron a obra “Jim e a illa do tesouro”, da compañía Eme 2 Emoción&Arte, que fixo dous pases pola mañá, ás 10.00 e ás 12.00 horas. Os alumnos de educación Infantil, de primeiro a sexto curso de Primaria, de primeiro e segundo de ESO e dos IES son os destinatarios deste programa, que se desenvolve en horario lectivo. Desde o pasado 26 de outubro sucedéronse as actuacións das compañías Unahoramenos Producciones, coa obra “Me llamo Suleimán”; Teloncillo, que representou “La ramita de hierbabuena” e Eme 2 Emoción&Arte, coa obra “Jim e a illa do tesouro”, obra esta última que tamén se representará o 11 de novembro no Pazo da Cultura. Os días 24, 25, 26 e 27 de novembro continuará a Mostra de Teatro, coa representación da peza “O país dos mandóns”, a cargo de Ghazafelhos. O alumnado dos centros naroneses Jorge Juan, IES As Telleiras e Terra de Trasancos; dos CPR Ayala, Santiago Apóstol, O Feal e Jorge Juan, dos CEIP: Virxe do Mar, A Solaina, Ponte de Xuvia, Piñeiros e A Gándara e do CRA, participará este ano na Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil do Padroado da Cultura. Ao ciclo asistirán tamén alumnos e alumnas do IES Catabois e dos colexios Mercedarias, CEIP Manuel Masdías e Santa Juana de Lestonnac, de Ferrol; dos CEIP Unión Mugardesa e Santiago Apóstol, de Mugardos; do CPI Xunqueira e dos CEIP O Ramo, Sillobre e Os Casais, de Fene; do CEIP San Isidro, de Neda; CEIP Eladia Mariño, de Cabanas; CPI Virxe de Cela e CEIP Andrade, de Pontedeume; CPI Conde de Fenosa, de Ares e CPI San Sadurniño. A concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, destacou o éxito da convocatoria e subliñou o feito de que “este tipo de actividades permiten fomentar a actividade cultural non só no municipio, senón tamén no resto da comarca, e introducir aos nenos e nenas desde moi pequenos no mundo do teatro a través dunha iniciativa que se desenvolve en horario escolar”. A edil naronesa asegurou que o Concello continuará apostando por este tipo de programas desde a área que dirixe “por entender que supoñen unha moi boa oportunidade para fomentar a cultura, neste caso concreto o teatro, entre o alumnado da zona”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal