Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO CONMEMORARÁ CON VARIOS ACTOS O DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
As actividades programadas para o 25-N inclúen a celebración da Marcha Ciclista pola Igualdade e contra a violencia de xénero, que reunirá a preto de medio milleiro de persoas
Narón, 20 de novembro de 2015. A concelleira de Promoción Social e Igualdade, Teresa Sabio, presentou os actos cos que o Concello conmemorará o 25 de novembro o Día Internacional contra a violencia de xénero. O programa deseñado para esta xornada recupera unha actividade xa realizada en anos anteriores, a Marcha Ciclista pola Igualdade e contra a Violencia de xénero, na que participarán preto de medio milleiro de persoas de diferentes idades, entre escolares, pais e nais e colaboradores. Na iniciativa implícase cada ano a algúns colexios da localidade –non a todos por problemas de loxística-, sendo nesta ocasión o turno dos da Solaina, Virxe do Mar, Ayala, Santiago Apóstol, A Gándara e Nosa Señora de Chamorro. Os asistentes sairán dos centros a partir das 10.15 horas –dependendo do colexio- e percorrerán unha ruta duns oito quilómetros ata chegar á praza da Gándara. Unha vez alí repartirase auga e froita entre os escolares, ademais dun agasallo deseñado especialmente para conmemorar esta data. Colaboran na actividade axentes da Policía Local de Narón, o equipo de Seguridade Vial do Concello, as Anpas dos colexios Santiago Apóstol e Ayala, Os Escornabois, Os Fojeteiros, Emerxencias Narón, Beny Gym, Vara e Pedal, Cabritiña, e o Centro Comercial Narón. Ás 11.30 horas, ante o Monumento á Muller localizado na praza da Gándara realizarase unha ofrenda floral e procederase a ler unha declaración institucional contra a Violencia de xénero. O programa municipal inclúe ademáis como novidade a iluminación de cor malva da fachada do Pazo da Cultura e colaboracións coa Marcha Mundial das Mulleres e coa ASCM, que o día 25 convocarán actos na praza da Gándara e na praza de Galicia, respectivamente, e co colectivo Mobilidade Humana, que programou un acto o día 28 deste mes, tal e como recordou a edil de Promoción Social e Igualdade. Así mesmo, en canto ás actividades con escolares, Sabio anunciou que o Pazo da Cultura acollerá unha exposición de murais realizados polos nenos e nenas de Narón durante o curso nesta área e que poderán verse no horario de apertura das instalacións desde o 24 de novembro ata o 4 de decembro. A edil de Igualdade recordou tamén que a pancarta colocada hai uns días no acceso principal do Concello contra a Violencia de Xénero manterase ata finais deste mes e fixo un chamamento á cidadanía para que participe nos diferentes actos. “Máis que nunca temos que urxir a erradicación de calquera acto de violencia en xeral e a de xénero en particular, que lamentablemente causa a morte de decenas de persoas ano tras ano”, denunciou a concelleira naronesa.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal