Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO REITERA A FOMENTO A NECESIDADE DE HABILITAR DOUS PASOS PEONÍS NA FE-11 NO PONTO E NA TRINCHEIRA
O goberno local considera urxente o pintado dos pasos peonís solicitados para evitar posibles atropelos na zona
Narón, 5 de decembro de 2015. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, remitiu un novo escrito ao Ministerio de Fomento reiterándolle a necesidade de habilitar dous pasos de peóns na estrada FE-11, un deles no cruce coa estrada de Castela (AC-862), no Ponto, e outro na intersección co vial da Trincheira. O rexedor local subliñou que esta petición responde a unha demanda da veciñanza e que representa “unha preocupación da corporación que presido”, ao tratarse de dous puntos nos que os peóns cruzan a diario con risco de sufrir atropelos. Esta mesma petición realizouse en varias ocasións desde o Consistorio naronés, a última o pasado mes de febreiro, sen ter obtido resposta algunha por parte dos representantes de Fomento. A demanda formulada desde o goberno local remóntase ao ano 2008, tal e como recordou o edil de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, incidindo en que “xa antes de que entrara en servizo a FE-11, un vial de titularidade estatal, advertimos deste problema aos técnicos de Fomento e hai sete anos que solicitamos por escrito a Fomento o pintado destes dous pasos peonís, que lamentablemente a día de hoxe aínda non están pintados, a pesar da perigosidade que representa cruzar por esa zona e das advertencias que levamos feito ao respecto desde o Concello ao Goberno central”. A petición reiterouse en anos sucesivos pero a día de hoxe continúa sen atenderse. O Ministerio de Fomento respostou por escrito no ano 2013 ao alcalde, determinando que non consideraban necesario o paso de peóns solicitado na intersección da FE-11 coa Trinchera, atendendo ao número de persoas que nun día concreto –o 31 de xaneiro de 2012- cruzaron pola zona entre as 09.00 e as 17.00 horas- e calificando como a “alternativa máis viable e de menor coste social” a implantación de dous pasos de peóns na AC-862, á altura da glorieta do Ponto, en lugar de habilitalos no vial estatal. Neste último caso Fomento determina que “o tránsito peonil é importante”, aínda que “a cantidade de peatóns que cruzan a FE-11 non requiren dun paso de peóns atendendo á norma”. Ante a perigosidade de cruzar por estas zonas, unha práctica que a diario realizan varias persoas, desde o Concello reitérase a Fomento a demanda, ao considerar que os pasos peonís solicitados para a FE-11 xa deberían estar habilitados desde que entrou en servizo o vial, tal e como se tiña acordado cos técnicos da obra.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal