Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CENTRO COMERCIAL DOLCE VITA ODEÓN ACOLLE A DUODÉCIMA EDICIÓN DA "MOSTRA DA CAMELIA CIDADE DE NARÓN"
A convocatoria desenvolverase os días 20 e 21 de febreiro e inclúe a oitava edición do Concurso de Flores de Camelia
Narón, 18 de febreiro de 2016. O Centro Comercial Dolce Vita Odeón acollerá esta fin de semana a décimo segunda edición da “Mostra da Camelia Cidade de Narón”, cuxo programa inclúe a oitava edición do Concurso de Flores de Camelia. As edís de Festas e Turismo, Mar Gómez e Natalia Hermida, respectivamente, presentaron o acto acompañadas de Eusebio López, vicepresidente da Asociación Galega da Camelia –con sede en Narón- e de Manuel Pico, secretario da entidade, e desculparon a ausencia do concelleiro de Medio Ambiente, Octavio Dopico, que non puido acudir á presentación do acto. A edil de Festas valorou o traballo realizado pola Asociación Galega da Camelia e destacou o éxito desta cita, xa consolidada na localidade. Pola súa banda, a concelleira de Turismo destacou tamén a labor da entidade e a colaboración do Centro Comercial Dolce Vita Odeón, subliñando a importancia deste tipo de eventos en canto á “desestacionalización do turismo”. A apertura e montaxe da Mostra da Camelia comezará o sábado, día 20, ás 9.00 horas, e ás 13.00 procederase a calificar os lotes das persoas que participan no concurso. O programa deseñado para a ocasión continuará ás 14.30 cunha comida de confraternidade para, a partir das 17.30 horas proceder á inauguración oficial da cita e a apertura ao público. A continuación entregaranse os premios ás mellores camelias japónica e reticulata e tamén á mellor especie de camelia, de híbrido de camelia, flor de miniatura, cultivador-expositor e composición artística colectiva. Ademais de particulares, optarán aos premios os exemplares que presentarán representantes das asociacións de veciños Virxe de Fátima, de Freixeiro; O Couto e Areosa, de Piñeiros. Na xornada do domingo, día 21, a Mostra da Camelia permanecerá aberta ao público entre as 10.00 e as 18.00 horas. O vicepresidente da Asociación Galega da Camelia, Eusebio López, avanzou que este ano haberá un total de 35 expositores procedentes de diferentes municipos galegos, a maioría das provincias da Coruña e Pontevedra, aínda que tamén de Ourense e Lugo, e de concellos asturianos. “A nivel de Galicia hai como 35 exposicións de camelia e hoxe en día a de Narón está considerada como unha das máis importantes”, asegurou López. Así mesmo, indicou que este ano a convocatoria celebrarase antes que noutras edicións porque “debido á climatoloxía deste outono case non hai flores, e se a fixésemos en marzo a exposición sería moito máis pobre en canto ao número de especies”. No que respecta aos visitantes, o vicepresidente da entidade asegurou que “en Narón triplican aos de calquera outra mostra, incluso a nivel internacional”. Os representantes da Asociación Galega da Camelia agradeceron a colaboración prestada desde o Concello e Odeón para a celebración deste evento e recordaron que os visitantes poderán adquirir camelias dalgúns viveiros que acudirán á convocatoria e tamén figuras con forma de camelia elaboradas por unha artesá de Vigo. Mar Gómez e Natalia Hermida animaron á veciñanza a asistir a este evento, no que se poderán ver unha gran variedade de especies. Ademais, aludiron á existencia na localidade dun parque de camelias, en Freixeiro, cunhas 400 variedades e 600 exemplares, que se prevé ir ampliando. As edís destacaron a existencia da especie “Camelia Cidade de Narón”, que chegou da man de Eusebio López e floreceu por primeira vez no ano 2007. Cando os primeiros exemplares alcancen o metro e medio de altura procederase a plantalos no citado parque do municipio, aseguraron.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal