Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O MARCO ORZAMENTARIO 2017-2019 CONTEMPLA UNHA REBAIXA DO IBI ATA O 0,60 NO ANO 2018
O documento obtivo o dictame favorable da Comisión de Facenda e irá ao pleno municipal de finais do mes de febreiro
Narón, 18 de febreiro de 2016. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o edil de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, presentaron o Marco Orzamentario 2017-2019 dictaminado favorablemente hoxe na Comisión de Facenda. O rexedor local indicou que “isto é un Marco previsible, con datos que posteriormente se concretarán ano tras ano a medida que o pleno vaia aprobando as pertinentes taxas municipais”. Blanco destacou que a baixada ata o 0,60 no IBI contemplada no documento supón que “en oito millóns de euros de ingresos nese período pode supoñer unha diferencia duns 80.000 euros, co que os recibos quedarán co mesmo importe nos anos 2017 e 2018”. O rexedor local incidiu en que con este documento “intentamos ter garantías para poder acceder a calquera axuda que necesitemos á hora de afrontar a parte que nos corresponda dos plans europeos aos que poidamos optar para realizar certos investimentos desde o Concello”. Ao respecto Blanco citou exemplos como a posible concesión das axudas do Plan Urban solicitadas conxuntamente por Ferrol e Narón –por un importe global de 15 millóns de euros-, o Plan de Informatización plantexado a nivel europeo –que suporía dous millóns de euros-, ou os pagos correpondentes ao convenio para a construción do novo centro de saúde, unha vez se peche o acordó coa Xunta. “Trátase de ter garantías á hora de poder facer estes investimentos”, explicou Blanco. Pola súa parte, Villamar fixo especial incidencia no tema do IBI, apuntando que o Marco Orzamentario recolle que para o ano 2017 o coeficiente a aplicar sería do 0,63 e no 2018 do 0,60. “Estamos baixando do 0,66 en vigor este ano un total de tres puntos o ano que vén e outros tres no 2018, co que conseguiríamos que non suba o catastro. Vai haber un incremento do valor catastral, pero ao baixar o coeficiente o recibo a pagar polos veciños e veciñas de Narón será practicamente igual ao que veñen pagando ata o de agora”, indicou o edil. O documento é “prudente e acorde cos orzamentos a elaborar nos vindeiros anos e tamén á hora de priorizar o gasto na atención ás persoas e no mantemento da calidade dos servizos”, apuntou. O informe permitirá ao Concello, incidiu o edil, “estar en boa situación económica para poder afrontar posibles investimentos desde a administración local á hora de executarse no municipio as actuacións anteriormente citadas polo alcalde”. O Marco Orzamentario é un documento obrigatorio para todas as administracións locais que irá ao pleno de finais de mes. Villamar recalcou que se trata dun “informe marco no que se fixarán as previsións que temos no Concello para as anualidades que comprende e que está elaborado partindo de datos de administracións supramunicipais e, nalgúns casos, estimativos, como o PIB ou a inflación”. O edil apuntou ao respecto que “os ingresos van medrar nas proporcións estimadas e de cara ao 2018 o orzamento poderá rondar os 29,5 millóns de euros e o endebedamento situarse nos 3.087.000 euros, unha débeda que supón case a metade da actual”. O alcalde subliñou que este endebedamento “non é relevante para un Concello como o de Narón e incluso podería ser máis baixo no caso de amortizar máis débeda da prevista nos vindeiros anos” e, sobre o apartado de ingresos, Blanco amosou a súa confianza en que se superen os 30 millóns de euros en 2018.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal