Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO PROGRAMA VARIOS ACTOS PARA CONMEMORAR O DÍA DE ROSALÍA
As concellerías de Ensino e Bibliotecas e de Cultura convocan varios actos a partir do día 24 de febreiro, cando se cumpren 179 anos do nacemento desta recoñecida poetisa galega
Narón, 21 de febreiro de 2016. As concellerías de Ensino e Bibliotecas e de Cultura, dirixidas por Mercedes Taibo e Marián Ferreiro, respectivamente, programaron varios actos con motivo da conmemoración, o 24 de febreiro, do Día de Rosalía. A primeira das citas correrá a cargo da área de Ensino e Bibliotecas e consistirá nunha sesión de lectura de textos da recoñecida poetisa galega na Biblioteca municipal. O alcalde, José Manuel Blanco e a edil de Ensino e Bibliotecas participarán, xunto con outros representantes da corporación local, nesta actividade, que se desenvolverá o día 24 a partir das 12.00 horas. Mercedes Taibo recordou ao respecto que poderán asistir todos os veciños e veciñas que o desexen para ler textos da citada autora, previamente seleccionados por eles ou escoller algún dos que se ofrecerán no propio centro. Antes de iniciarse esta sesión de lectura procederase a homenaxear ao socio número 16.000 da Biblioteca municipal, un veciño do Alto do Castiñeiro e cuxa familia é tamén usuaria do servizo. Coincidindo co Día de Rosalía desenvolverase unha actividade programada desde a Concellería de Cultura. Así o avanzou a edil da área, Marián Ferreiro, que indicou que se procederá a inaugurar no Pazo da Cultura unha exposición de vestimentas e instrumentos tradicionais. A mostra poderá visitarse na entrada do Pazo da Cultura desde o día 24 de febreiro ata o 12 de marzo. Tanto os traxes que permanecerán expostos como os instrumentos son propiedade do Padroado da Cultura, algúns destes últimos elaborados nos talleres de construción de instrumentos do Padroado, tal e como recordou a concelleira. A programación para conmemorar o Día de Rosalía continuará desenvolvéndose o día 26 de febreiro, xornada na que terá lugar a sesión de contacontos infantil “A paisaxe de Rosalía”. Trátase dunha cita programada a través do Servizo de Normalización Lingüística de Narón e dirixida a nenos e nenas de 4 a 8 anos, según explicou Mercedes Taibo, e que se desenvolverá a partir das 18.00 horas na Biblioteca municipal. Neste caso, subliñou a edil, é necesario reservar praza –de balde-, polo que as persoas interesadas en asistir deberán facelo a partir do luns, día 22, no mostrador da biblioteca ou chamando ao número de teléfono 981 382 173. “Os nenos e nenas serán os protagonistas desta actividade”, asegurou Taibo, que recordou que “se implicarán no momento da narración das aventuras e trasnadas da pequena Rosalía, tomando como referencia os poemas de Cantares Gallegos”. Os menores irán solventando unha serie de probas para colaborar no desenvolvemento da historia a medida que esta avanza, indicou. A edil Mercedes Taibo animou aos veciños e veciñas a participar nos actos programados para conmemorar o Día de Rosalía “para rendir así unha máis que merecida homenaxe a esta gran narradora e poetisa galega do século XIX ao cumprirse 179 anos do seu nacemento”. Pola súa banda, a concelleira Marián Ferreiro destacou que “con este tipo de actividades queremos recoñecer desde a localidade o valor do traballo de Rosalía de Castro a prol do uso da lingua galega e tamén da súa extensa obra, en moitos casos traducida a varios idiomas”.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal