Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
ALUMNOS E ALUMNAS DO CRA DE NARÓN PARTICIPARÁN NO TALLER INAUGURAL DO PLANETARIO DO PARQUE TEMÁTICO DE ALDEA NOVA
A sesión comezará ás dez da mañá do día 10 de marzo e na mesma participarán uns cincuenta nenos e nenas de educación Infantil
Narón, 8 de marzo de 2016. O concelleiro de Medio Ambiente, Octavio Dopico, e o xerente da empresa que xestiona as instalacións de Aldea Nova, Pename, Fernando Beceiro, presentaron a primeira das actividades que se desenvolverá no planetario do Parque Temático Integral de Desenvolvemento Rural Aldea Nova, na parroquia de Sedes. O edil naronés recordou que o ano pasado, con cargo a unha partida de 36.502 procedeuse a dotar de novo material ás instalacións “para incrementar a súa oferta programática, complementándoas cun planetario nun dos inmobles xa existentes no recinto”. Foi o xerente da empresa Pename o encargado de anunciar que o vindeiro día 10 un total de 48 alumnos e alumnas de educación Infantil do Colexio Rural Agrupado de Narón participarán no primeiro taller de astronomía que se desenvolverá no planetario, entre as 10.00 e as 13.00 horas. Beceiro destacou a calidade das instalacións, de titularidade municipal, e asegurou que co planetario en funcionamento “poderemos convocar actividades durante todo o ano en Aldea Nova”. A oferta deste espazo está previsto completala con talleres de bioloxía –con acuarios, terrarios…- e de ciencia –física, química…- nos vindeiros meses. Así mesmo, desde a empresa indicouse que se están organizando novas actividades, como unhas sesións de astroloxía que poderían realizarse semanalmente cun programa a desenvolver tanto dentro do planetario como no mirador do exterior de Aldea Nova. O concelleiro de Medio Ambiente recordou que no parque temático Aldea Nova se convocan actividades durante todo o ano, dirixidas a persoas de diferentes idades. “O ano pasado 1.572 alumnos e alumnas de centros de ensino do concello de Narón visitaron as instalacións e confiamos en poder incrementar esta cifra coas actividades que se desenvolverán a partir de agora no planetario”, apuntou Dopico. A empresa Pename ten xa concertados talleres de astronomía con centros educativos de Ferrol, da Coruña, Lugo, Viveiro, Malpica… e desde a xerencia apuntouse que as persoas interesadas en concertar visitas ou participar nas actividades que se programen poden facelo chamando ao número de teléfono 608 048 031, ou escribindo un correo electrónico á dirección: aldeanovagranja@gmail.com. O concelleiro de Medio Ambiente de Narón animou aos diferentes colectivos do municipio e da comarca, así como ás persoas doutros concellos, a facer uso destas instalacións municipais, “nas que se pode gozar dunha xornada formativa e, ao tempo, lúdica, con diversas actividades pensadas para persoas de diferentes idades”.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal