Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O CONCELLO DE NARÓN PARTICIPARÁ NO "XIX SALÓN DO CABALO EQUIOCIO 2016"
A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, anunciou que se nomeará Amazona de Honra á directora da Escola de Teatro de Narón, Flor Maceiras, e ademáis instalarase o circuíto de Educación Vial e ofrecerase información turística do municipio
Narón, 21 de marzo de 2016. A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, anunciou hoxe a participación do Concello de Narón no "XIX Salón do Cabalo Equiocio 2016" xunto coa directora do evento, Ana Pérez Lago, e integrantes do equipo de Educación Vial do Consistorio, Pedro Caneiro, Simón Cabarcos e Sonia López. A cita, que alcanza a vixésimo quinta edición do Concurso de Salto, desenvolverase do 24 ao 27 deste mes no recinto feiral de Punta Arnela, en Ferrol. Ademais de incluírse entre as probas deportivas o Trofeo Cidade de Narón, nomearase Amazona de Honra á directora da Escola de Teatro de Narón, Flor Maceiras, unha persoa, subliñou Hermida, “que para nós é moi importante a nivel cultural e educativo”. Así mesmo, a edil de Turismo indicou que se instalará no recinto o circuíto de Educación Vial -nunha das naves interiores, ocupando un espazo duns trinta metros- e, como novidade, o Concello estará representado nun stand turístico con outros vinte municipios da comarca para promocionarse a través do Xeodestino Ferrolterra. Ana Pérez Lago explicou que “Equiocio xa é Narón e Narón xa é Equiocio”, aludindo ao feito de que despois de 25 anos, “neste evento, cada un atopou o seu espazo e Narón soubo encaixar perfectamente nesta convocatoria que se desenvolve no recinto feiral de Punta Arnela, ao que van miles de familias de Narón e tamén outras que veñen pasar estes días á localidade”. Hermida agradeceu á directora de Equiocio 2016 a invitación realizada ao Concello “para participar nun evento moi importante para a comarca e moi consolidado, que é un referente na zona e que ofrece un espazo deportivo e de ocio para as familias durante a Semana Santa”. A concelleira naronesa recordou que se repartiron preto de 9.000 entradas para Equiocio 2016 nos centros educativos de Primaria e nas escolas infantís do municipio, dúas por cada neno ou nena. Ao respecto, Ana Pérez Lago apuntou que os rapaces e rapazas ata 16 anos poden entrar de balde –o resto pagarán cinco euros por día- e explicou que serán Cáritas e Cogami as entidades que xestionarán tanto o cobro dos tíckets como os donativos que desexen realizar os asistentes ao evento, que se entregarán a estas dúas entidades para que continúen desenvolvendo as súas labores sociais. En canto ao circuíto de Educación Vial, este será o terceiro ano que se instale no recinto de Punta Arnela co fin, apuntou Pedro Caneiro, de “dar a coñecer todo o traballo que realiza o Concello de Narón en materia de Educación Vial”. A edil de Turismo e a directora de Equiocio 2016 animaron á veciñanza a asistir a este evento que este ano reunirá no recinto feiral a máis de douscentos xinetes para competir nas diferentes probas, e cuxo programa contempla unha gran variedade de actividades dirixidas ao público infantil e adulto.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal