Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
AS DENUNCIAS POR INFRACIÓNS DE TRÁFICO EN NARÓN DESCENDERON NO ANO 2015 CON RESPECTO AO EXERCICIO ANTERIOR
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, valorou o traballo da Policía Local e anunciou varias medidas encamiñadas á mellora da seguridade de condutores e peóns
Narón, 23 de marzo de 2016. O concelleiro de Seguridade Cidadá, Guillermo Sánchez Fojo, e o xefe da Policía Local, Eduardo Pita, presentaron a Memoria da Policía Local de Narón do ano 2015. O documento contempla un descenso nas denuncias por infraccións de tráfico, que pasaron de 1.559 no ano 2014 a 1.505 en 2015. Os motivos das mesmas foron diversos, tal e como apuntaron, debéndose a maioría, un total de 301, ao feito de non respectar as marcas amarelas; 256 foron por circular superando os límites de velocidade establecidos –en todo o ano controláronse 8.720 vehículos-; e por malos estacionamentos: 157 en zona cebrada; 151 en carga e descarga e 147 en beirarrúas. En canto aos accidentes rexistrados o ano pasado no termo municipal, un total de 335, inclúen nesta ocasión aqueles nos que se asinan partes de mutuo acordo entre os implicados e os rexistrados en fochas ou que derivan en reclamacións contra as administracións, tal e como apuntou Sánchez Fojo. Todos os sinistros de 2015 recóllense no programa “Arena 2” da Dirección Xeral de Tráfico, compartido coa Agrupación de Tráfico da Garda Civil e as policías locais. Así mesmo, durante o ano 2015 contabilizáronse un total de 19 atropelos –o 63% en pasos de peóns e o resto tentando cruzar viais por zonas non habilitadas, e nun 74% dos casos debido a fallos dos condutores-, unha cifra que desde a área de Seguridade Cidadá se traballa continuamente por reducir, obxectivo polo que se concretaron varias accións preventivas. Sánchez Fojo avanzou que desde hai uns días están xa instaladas balizas luminosas solares no paso peonil da estrada de Castela próximo á rotonda de Freixeiro e noutro da estrada de Cedeira (fronte ao número 6). “Trátase dunha medida que supón un investimento importante pero que trataremos de implantar progresivamente noutros pasos peonís do concello”, asegurou, indicando que as accións en materia de seguridade se complementarán co cebreado ou exclusións de estacionamento nas proximidades dos pasos peonís para mellorar a súa visibilidade. As campañas impulsadas desde a área de Seguridade inclúen a maiores charlas nos locais sociais e da Terceira Idade a modo de sensibilización de condutores e peóns. “O 50% das persoas implicadas nos atropelos en Narón foron o ano pasado maiores de 65 anos, polo que é moi importante promover calquera medida encamiñada a concienciar e sensibilizar aos maiores para evitar ese tipo de sinistros”, apuntou Sánchez Fojo. En canto ás iniciativas a desenvolver nos vindeiros meses en materia de seguridade, Sánchez Fojo aludiu a unha serie de propostas encamiñadas á mellora da mobilidade de vehículos. Unha delas parte dunha petición dunha farmacia local e consistirá na habilitación de aparcamentos exprés –de balde e por un tempo máximo de 30 minutos- diante das farmacias da zona urbana nas que as condicións viarias o permitan. Os axentes da Policía Local controlarán este proceso que funcionará cun sistema de tíckets –un modelo descargable desde a páxina web- nos que se fará constar a hora de chegada, que tamén se poderá anotar manualmente e que deberá permanecer visible en todo momento. As previsións da implantación da zona azul –tamén de balde e por un tempo máximo de 90 minutos, en días laborables e horarios de mañá- aplicaranse no tramo inicial da rúa 25 de Xullo, diante do Concello, do Centro de Saúde e da Biblioteca municipal, para así facilitar a existencia de prazas de aparcamento ás persoas que teñan que realizar trámites administrativos ou acudir a citas médicas, tal e como indicou Sánchez Fojo. A medida tamén se implantará na zona da Gándara, para así tratar de regular os estacionamentos. Así mesmo, desde o Concello instarase novamente ao Ministerio de Fomento ao pintado de dous pasos peonís na FE-11, nas zonas do Ponto e da Trincheira. “Levamos máis de once peticións feitas a Fomento para que habilite estes dous pasos porque consideramos que se trata de zonas de moito tránsito e perigosas, polo que intentaremos por activa e por pasiva que os habiliten para garantir a seguridade viaria neste vial de titularidade estatal”. O edil naronés apuntou que o parque móbil do municipio é actualmente de 23.314 vehículos e o plantel da Policía Local confórmano 37 axentes, aos que felicitou pola súa labor.

<<< Marzo 2024 >>>

LMMXVSD
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21 22
23
24
25
26
27
28
29
30
31
Eventos do Concello
naron.gal