Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
O PADROADO DA CULTURA DO CONCELLO DE NARÓN E A PRODUTORA EME2 ORGANIZAN "SINGULAR", UN FESTIVAL DO MONÓLOGO TEATRAL
A iniciativa arrincará o 1 de abril no Pazo da Cultura coa estrea de "Monólogo do imbécil", unha obra escrita e dirixida polo naronés José Prieto e que protagonizará o recoñecido actor Xosé Antonio Touriñán
Compostela, 29 de marzo.- Santiago de Compostela acolleu a presentación de "Singular", o novo Festival do Monólogo Teatral organizado polo Padroado da Cultura do Concello de Narón e pola produtora Eme2. Unha a nova aposta cultural galega que pretende potenciar as propostas dramáticas unipersoais e misturar a tradición teatral, a innovación dramatúrxica e os alicerces do monólogo humorístico. O festival arrincará este venres, 1 de abril, no Pazo da Cultura de Narón coa estrea do Monólogo do imbécil do actor e director naronés José Prieto e protagonizada por Xosé Antonio Touriñán. Segundo explicaron en rolda de prensa o alcalde de Narón, José Manuel Blanco; a concelleira de Cultura, Marián Ferreiro; a produtora teatral Mercedes Castro, en representación de Eme2; o actor Xosé Antonio Touriñán; e José Prieto, autor do Monólogo do Imbécil, "Singular" quere converterse nunha nova cita na axenda cultural galega que chegue tanto ao público habitual do teatro como a unha nova audiencia que faga o seu primeiro achegamento ao mundo da interpretación a través de propostas cómicas. José Manuel Blanco destacou a importancia que ten o teatro en Narón: "Cando aínda non se sabía que Narón era a oitava cidade de Galicia, xa se coñecía polo teatro", dixo. "Fomos pioneiros e aínda que ao principio nas obras había case máis actores que público, insistimos e agora todas as fins de semana o Pazo da Cultura énchese para ver teatro". O alcalde explicou que o Festival de Monólogos "Singular" pretende reforzar aínda máis esa aposta polas artes escénicas e o teatro, centrándose esta vez nas obras unipersoais de corte cómico. O soliloquio é un xénero que forma parte da historia do teatro dende os seus comezos. "A mediados do século XX desenvolvéronse monólogos dramáticos asociados á vangarda teatral, e a finais de século estoupou o fenómeno do monólogo cómico, que segue contando cunha gran popularidade", explicou. A concelleira de Cultura de Narón, Marián Ferreiro, tamén insistiu nesta idea e explicou que o Pazo da Cultura de Narón acollerá cada venres do mes de abril, sempre ás 20.30 horas, outros coñecidos e recoñecidos monologuistas: o 8 actuará José L. Esteban, con "Arte de las putas, una historia de amor"; o 15 estará Celso Samartín, con seu inconfundible "Contar"; e o 22, Riki López, con "Me tengo contento". "É unha dobre ledicia abrir o Festival con este monólogo, que é unha obra de José Prieto, un veciño de Narón que está nas primeiras filas do panorama escénico local, autonómico e estatal, e que está interpretado por alguén tan recoñecido como Touriñán", afirmou Marián Ferreiro. O autor e director do Monólogo do imbécil, José Prieto, que acadou con esta obra o Premio Max de Teatro 2003 ao mellor texto en lingua galega, explicou que é un texto do 2003 que intepretara inicialmente Santi Prego e que agora se retoma con Touriñán. "Creo que vai ser unha gran revelación para o público velo, pola gran cantidade de matices que achega o personaxe", asegurou. Pola súa parte, o actor confesou que é unha "honra e un reto" facer esta obra. "Este é un dos maiores retos aos que me enfrontei durante toda a miña traxectoria, ogallá sexa capaz de sacar o imbécil que levo dentro co nivel que esixe o texto –afirmou Touriñán-. Este monólogo é algo distinto, e os actores para medrar temos que pasar por todas as experiencias posibles". Segundo explicou Mercedes Castro, o Festival "Singular" será a primeira parada do Monológo do Imbécil, pero despois de pasar por Narón comezará unha xira que o levará ata a Feira de Teatro de Castilla A Mancha, o 12 de abril en Albacete; ao Auditorio Municipal de Ourense, o 29 de abril; ao Auditorio Municipal de Vigo, o 6 de maio; ao Teatro Municipal de Cedeira, o 7 de maio; e ao Festival Internacional de Mueca, o 12, 13 e 14 de maio en Tenerife; ao Teatro da Beneficencia, o 21 de maio en Ortigueira; ou ao Teatro Rosalía de Castro, o 4 de xuño na Coruña, entre outras datas e lugares ainda por pechar. "Narón é o punto de partida, pero esperamos ter unha xira internacional", adiantou Castro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal