 A proposta partiu das concellerías de Ensino e Novas Tecnoloxía e na mesma participan un docente e quince matriculados no curso de "Programación e Robótica para futuros formadores" convocado desde o ConcelloNarón, 20 de abril de 2016. Un total de dez centros de ensino da localidade participan na proposta “Día de Código no meu cole de Narón”, impulsada polas concellerías de Ensino e Novas Tecnoloxías, á fronte das que están as edís Mercedes Taibo e Natalia Hermida, respectivamente. Os colexios e institutos que se acolleron a esta iniciativa, totalmente de balde, ofrecen a unha parte do seu alumnado –de primeiro a sexto de Primaria e da ESO-, a posibilidade iniciarse na materia de Programación. Profesionais nesa área con ampla experiencia contan coa colaboración dos quince alumnos do curso de “Programación e Robótica para futuros formadores” –tamén impulsado desde a área de Novas Tecnoloxías- para impartir as sesións, ao tempo que a este último colectivo lle computan como horas prácticas da citada acción formativa. As sesións comezaron o pasado luns, día 18, no colexio Ponte de Xuvia e continuarán no colexio de Piñeiros, para retomalas a partir da vindeira semana noutros centros.
Os colexios que se adheriron a esta convocatoria foron: o Ponte de Xuvia, Piñeiros, A Solaina, Virxe do Mar, O Feal, A Gándara, Jorge Juan, Ayala e os IES As Telleiras e Terra de Trasancos. Os luns, martes, xoves e venres desenvólvense os talleres –en horarios e días previamente asignados dacordo co centro- nas súas aulas de informática para que o alumnado poida traballar nas sesións, de trinta minutos de duración cada unha. As últimas concertáronse para o vindeiro mes de maio, uns días antes do remate do curso escolar 2015-2016.
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, destacou a importancia de poder ofrecer aos colexios, sen custe algún para eles, esta iniciativa. “Trátase dunha moi boa oportunidade para que os rapaces e rapazas poidan iniciarse no mundo da Programación ou ampliar os seus coñecementos nesta materia, en determinadas ocasións unha gran descoñecida pero na actualidade con moita proxección de cara a un futuro moi inmediato”.
Así mesmo, a edil de Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, recordou que a convocatoria na localidade do curso de “Programación e Robótica para futuros formadores” foi todo un éxito. “Trátase dunha acción formativa que nunca antes se impartira en Narón e que consideramos que ten moi boa aceptación”, sinalou. A edil naronesa incidiu en que con esta oferta por parte do Concello aos colexios e institutos, “ademais de beneficiarse do curso o propio alumnado a través das prácticas, tamén o fan os estudantes, que fomentan as súas habilidades tecnolóxicas a través do programa Scratch, que lles permite, en función da súa creatividade, iniciarse no mundo da programación”.
As concelleiras naronesas agradeceron o respaldo que deron á proposta os responsables dos centros á hora de sumarse a esta iniciativa e valoraron o traballo que realizan todos os alumnos e alumnas, tanto dos centros de ensino como do propio curso de “Programación e Robótica para futuros formadores”.
|