Concello de Narón
  • Concello de Narón
  • El tiempo en Narón
  • Entrada a Naronmail
Noticias
A CONCELLERÍA DE BIBLIOTECAS PROGRAMA VARIOS ACTOS CON MOTIVO DO DÍA DO LIBRO
O programa de actos desenvólvese desde o pasado 16 de abril e inclúe una gran variedade de propostas para persoas de diferentes idades
Narón, 20 de abril de 2016. A Biblioteca municipal de Narón acolle varios actos con motivo do Día do Libro, que se conmemora o 23 de abril. A concelleira da área de Bibliotecas, Mercedes Taibo, anunciou que este sábado se presentará pola mañá a canle “Eu leo, eu son Booktuber”, con seis vídeos sobre reseñas de libros gravados o pasado 16 de abril. Así mesmo, o 23 de abril, apuntou a edil, haberá unha sesión de contacontos para nenos e nenas a partir de 5 anos: “Cervantes e Shakespeare, 400 anos despois”, a cargo de “A trastenda dos contos”. A cita, de balde, comezará ás 11.00 horas e as prazas dispoñibles, corenta, estanse a cubrir desde o pasado 19 de abril (chamando á Biblioteca municipal, ao teléfono 981 382 173). O programa deseñado desde a área de Bibliotecas é máis amplo, e inclúe outras actividades, como a participación de persoal do centro naronés na Feira do libro de Ferrol, o venres día 22, para informar aos asistentes sobre fondos, servizos, actividades, e horarios da biblioteca, entre outros temas relacionados coas citadas instalacións municipais. Así mesmo, na xornada do venres rematará a IV Feira-Mostra do libro usado e de segunda man, iniciada o pasado 18 de abril e na que se cubriron as dez prazas que se ofertaron desde a Biblioteca municipal. Os participantes teñen á súa disposición dez mesas da planta baixa, onde poden amosar, trocar e vender libros usados. A concelleira de Bibliotecas asegurou que “se trata dunha magnífica oportunidade para poñer a disposición da veciñanza unha gran variedade de libros de diferentes estilos, temáticas, e dirixidos a diferentes tipos de lectores”, destacando o éxito desta convocatoria. A maiores, continúase estes días coa “liberación” de libros en espazos públicos, a través dunha proposta de “Bookcrossing”, publicándose as mesmas na páxina: www.bookcrossing.es, facilitando así a localización dos exemplares ás persoas interesadas en sumarse a esta proposta. Esta mesma semana deixáronse libros no Centro de saúde, no Centro Comercial Narón e no Centro Manuela Pérez Sequeiros, tal e como apuntou Taibo. “Un ano máis, desde o Concello quixemos conmemorar unha data tan importante como o Día do Libro, e para iso traballamos na elaboración dun programa no que apostamos por implicar tanto aos nenos e nenas como aos maiores, con actividades a través das que fomentar a lectura e tamén para dar a coñecer un pouco máis as instalacións da Biblioteca municipal”, indicou a edil da área. Mercedes Taibo animou á veciñanza a participar nestas actividades que, recordou, rematarán este sábado, coincidindo co Día do Libro.

<<< Abril 2024 >>>

LMMXVSD
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
29
30
 
Eventos do Concello
naron.gal